"A Rapa ocupa un lugar merecido entre as festas culturais do mundo"

Para o concelleiro de Cultura da Estrada, a Rapa das Bestas de Sabucedo "é unha festa de amor e respecto entre homes e animais"

Juan Constenla, concejal de Cultura de A Estrada. PATRICIA FIGUEIRAS
photo_camera Juan Constenla, ás portas do curro de Sabucedo. PATRICIA FIGUEIRAS

A novena Gala da Rapa das Bestas abre este xoves a programación dunha cita que ata o próximo luns, día 8, situará a Sabucedo e á Estrada no mapa mundial das grandes festas. Estará presentada pola xornalista Marga Pazos e servirá para homenaxear a 'aloitadores', veciños e persoas implicadas con esta centenaria tradición. O edil de Cultura da Estrada, Juan Constenla, anima ós visitantes a achegarse para "gozar da Rapa e dos encantos do concello", di.

Que implica para A Estrada contar cunha Festa de Interese Turístico Internacional? Hai un antes e un despois desta distinción, hai xa doce anos?
Esta distinción supón poñer A Estrada na cima de todo o mundo. A Rapa é un aliciente, sobre todo para os fotógrafos e xornalistas, que poden sacar unhas imaxes espectaculares dos animais e do home, da convivencia exemplar, de como se coidan as bestas. Poden captar ese espírito de Sabucedo. A Rapa foi ‘in crescendo’ dende os seus inicios e hoxe está ocupando un sitio importante entre tódalas festas culturais do mundo. Proba delo é, por exemplo en España. Cando coincide co San Fermín, a apertura dos noticieiros é a Rapa, non a festa de Pamplona. Estamos nunha posición moi adecuada e merecida, sobre todo para a xente de Sabucedo, que está preservando unha tradición centenaria.

"Asociación, Concello e Consellería traballaremos para que sexa declarada BIC. Sería un pulo importante"

Este ano hai máis de cen profesionais de medios de comunicación acreditados e a Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo continúa coa aspiración de que a cita se converta en Ben de Interese Cultural (BIC) inmaterial. Está no seu máximo cumio esta festa? Onde está o seu límite?

Non ten límites. Concello, Asociación e Consellería de Cultura traballaremos para que a Rapa sexa declarada BIC, o que sería un pulo importante para esta festa. En canto ós xornalistas, ata o último momento poden acreditarse. Cada ano hai máis.

A Rapa está organizada pola Asociación, que leva tempo reclamando axuda para preservar as greas, a esencia da festa e da tradición. Pide apoio para realizar desbroces, peches e acondicionar o monte para que non lle falte alimento. En que medida está colaborando o Concello?
A Asociación e o Concello van da man durante todo o ano para preservar a Rapa, para mellorar os pastos para os animais e que as greas cheguen en perfectas condicións ó verán para poder celebrar a festa. E, como non, para coidalas durante todo o ano dos ataques do lobo ou de episodios nefastos, coma os que aconteceron este ano con algún ataque a algunha besta. O Concello está a colaborar tanto económica como materialmente tódolos días coa Asociación con estes fins.

"Tódalas casas de turismo rural están ocupadas e tamén haberá pernoctacións en concellos limítrofes"

Nos últimos anos estase a facer unha forte aposta pola oferta musical da Rapa, con artistas de renome como é este ano Rosa Cedrón. Como está funcionando esta fórmula?
Dende que estou no Concello ó cargo da Rapa sempre houbo esa tradición, con maior ou menor número de artistas. Sempre houbo concerto o venres para iniciar as festas e continúa durante os tres días de celebración. Non soamente é o curro, senón que ó longo dos días hai que tratar de ter actividades para que todos aqueles que se acheguen a Sabucedo poidan gozar.

A nivel turístico o impacto desta cita déixase notar nas casas rurais. Comentaban hai uns días que están cheas...
Tódalas casas de turismo rural están ocupadas para esta fin de semana. É un pulo importante non só para A Estrada, senón tamén para os concellos limítrofes como Cerdedo-Cotobade, Forcarei e incluso Santiago de Compostela e Pontevedra, onde pernocta xente que acode á Rapa.

"A Estrada pode vangloriarse de ter unha programación cultural dun alto nivel" 
A Rapa é un dos principais expoñentes culturais da Estrada, pero o municipio é tamén referente noutros apartados, como o da programación teatral, por exemplo. No inicio deste novo mandato, que liñas de traballo se marca como edil responsable desta área neste ámbito?
O Concello da Estrada pode vangloriarse de ter unha programación cultural dun alto nivel. Por isto é a envexa de municipios veciños, como así nolo teñen manifestado en varias ocasións. Temos actividade cultural de calidade e moi variada, para todo tipo de público. Tratamos de que a programación chege a tódolos gustos para abarcar máis.

Entendo, entón, que seguirán unha liña continuista do labor feito ó longo dos últimos oito anos á fronte do Goberno, sen grandes novidades?
Imos seguir co traballo que estamos facendo, si, pero indo a máis. Sempre buscamos algunha novidade e atopamos algunha actividade curiosa para engadir á nosa programación e enriquecela.

Comentarios