As razas gandeiras en perigo de extinción, protagonistas na Semana Verde de Silleda

A feira albergará varios concursos morfolóxicos e de manexo, mostras e distintas presentacións
Exposición de porco celta na Semana Verde de Silleda. DP
photo_camera Exposición de porco celta nunha edición anterior da Semana Verde. DP

A 45ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebra entre o 8 e o 11 de xuño, contará na súa área gandeira con multitude de propostas para coñecer as razas autóctonas galegas.

En canto ás autóctonas de Galicia en perigo de extinción, estarán presentes de man da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (BOAGA) e as súas asociacións integradas e tamén da Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), a Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga) e a Asociación Pura Raza Cabalo Galego.

Destacarán as súas exposicións permanentes e concursos morfolóxicos. Así, en canto a estes últimos, terán lugar o 3º Concurso da Ovella e Cabra Galegas, con máis de 20 exemplares participantes, o 5º do Porco Celta na Semana Verde, con 34 ganderías das catro provincias galegas, o 8º Campionato da Galiña de Mos, que inclúe o 14º Concurso Monográfico e a 10ª Exposición e Concurso por lotes e que reunirá máis de 150 exemplares adultos, e tamén unha nova edición do Concurso Morfolóxico Oficial Cabalo Pura Raza Galega de Puraga.

Das bovinas celebraranse cinco competicións nas que participarán 96 exemplares de 16 criadores, as cales serán o 10º Concurso Morfolóxico da Raza Cachena, o 9º da Vianesa, 8º da Caldelá, 7º da Limiá e o 5º da Frieiresa. Ademais, de Galiña de Mos haberá un mercado de aves vivas.

Estas razas en perigo de extinción tamén protagonizarán outras actividades, como o IV Concurso Nacional de Manexo da Raza Porco Celta, consistente en dirixir un exemplar por un determinado percorrido no menor tempo posible, podendo tocalo pero sen golpealo, e pasando por distintos espazos, como unha zona que simula unha manga ou entre dous valos facendo zig zag.

Os participantes serán os exemplares Breogán, de Mondoñedo; Chenoa, de Vila de Cruces; Froilana e Asia, de Castro de Rei; Sotas, de Oza-Cesuras, e Pantalóns, de Friol.

Ademais, centradas no Cabalo de Pura Raza Galega realizarase a presentación O cabalo de Pura Raza Galega, doma e morfoloxía. A nosa raza, da Asociación Pura Raza Cabalo Galego en colaboración co programa Feader Europa Inviste non Rural, Xunta de Galicia e Ministerio de Agricultura. Sumarase o Concurso Morfolóxico Oficial Cabalo Pura Raza Galega, organizado pola Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga).

Wisconsin estará por primeira vez no certame
O Department of Agriculture, Trade and Consumer Protection do Estado de Wisconsin (EE.UU.) participa por primeira vez na feira dentro dunha misión comercial de carácter prospectivo, co interese de coñecer a estrutura do sector agrogandeiro galego, contactar coas principais institucións e colectivos vinculados e explorar posibilidades de colaboración e oportunidades de negocio conxuntas entre Galicia e Wisconsin. Wisconsin conta cun importante peso da cadea de valor dos sectores agrícola e gandeiro na súa economía.

Comentarios