A reforma da Casa da Xuventude de Forcarei xa ten financiación

O Concello pretende recuperar o inmoble como Centro de Día, biblioteca e ludoteca, e habilitar áreas para outros colectivos sociais
Proxecto da futura Casa da Xuventude.
photo_camera Proxecto da futura Casa da Xuventude. CEDIDA

A inclusión da ambiciosa reforma integral da Casa da Xuventude de Forcarei entre os proxectos a financiar a través dos fondos ReacPon impulsados pola Deputación de Pontevedra ten xa carácter definitivo, segundo a notificación remitida pola institución provincial ao Concello.

Os dous organismos deberán agora asinar un convenio no que se definirán as obrigas de cada un, co obxectivo de que a obra estea completamente rematada na primavera de 2023.

A iniciativa do grupo municipal do PSdeG-PSOE de Forcarei e que contou finalmente co apoio de BNG-Foro Forcarei, pero non así co do Partido Popular, suporá un investimento de 487.000 euros (a Deputación financia o 85%) e ten como obxectivo mellorar a accesibilidade, conservación e eficiencia enerxética do inmoble, e recuperalo como Centro de Día, biblioteca e ludoteca, ademais de habilitar áreas para outros colectivos sociais.

O edificio da rúa Progreso presenta hoxe moitas patoloxías tanto no exterior como no interior pola falta de uso, deficiencias construtivas e polo paso do tempo, "que fan necesaria unha intervención importante", apunta o Goberno local.

O proxecto inclúe actuacións para melloras na cuberta, accesibilidade, cerramento exterior, acabados, instalacións de iluminación e para a creación de novos espazos para usos múltiples.

Os traballos permitirán contar cun Centro de Día para persoas maiores na planta alta do inmoble (con sala de curas, cociña equipada e terraza), acondicionar a Biblioteca Municipal de Forcarei pechada hai dúas décadas na primeira planta, e habilitar unha ludoteca para nenos e nenas na planta baixa.

O edificio terá tamén zonas para a xuventude e para outros colectivos sociais, e disporá dun ascensor que comunique todas as plantas, requisito imprescindible para a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida e para poder dar calquera uso a estas instalacións.

Comentarios