Regina Touceda: unha viaxe polos versos dunha rapaza de Cuntis

Con 20 anos e un poemario titulado 'Deriva', gana o Premio Xosé María Pérez Pallaré
Regina Touceda Rey estuda en Cork. CEDIDA - Cuntis
photo_camera Regina Touceda Rey estuda en Cork. CEDIDA

Camiña polas rúas cheas de vida de Cork, contempla as fachadas pintorescas do seu porto, detrás das que emerxe, robusta e escura, a poderosa estrutura dunha catedral neogótica. O río Lee cruza a cidade e na súa canle asenta unha illa. Hai vida no mercado, hai galerías de arte e museos, hai pubs e cervexa. Sonan as campás e a xente vai e vén sen presa.

Regina Touceda Rey estuda Filoloxía Galega e participa no Programa Erasmus para ampliar horizontes na súa formación. Este é o motivo da súa estadía na cidade irlandesa, dende a que afirma que esta experiencia tamén quedará plasmada nos seus versos. Versos son os que meteu nunha botella e botou ao mar no mes de setembro, pouco antes de deixar o seu Cuntis natal para encetar esta nova aventura do saber.

O teléfono móbil e a libreta sempre viaxan con ela, e anota frases, palabras, expresións ou pensamentos poden xurdir en calquera intre

Nun mundo no que todo é novo para ela, cada día é dende entón todo un acontecemento. Estaba somerxida nesa sucesión de novas emocións cando recibiu a noticia. Deriva, aquel feixe de versos que enviara nunha metafórica botella a un concurso que se celebra en Fene (A Coruña) foi seleccionado polo xurado encargado de supervisar os poemarios que concorren ao Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé, que o considerou merecente do máximo galardón.

"O título xa o di todo, é unha viaxe persoal dividida en tres capítulos", comenta Regina dende Cork. Engade que comezou a escribilo no mes de febreiro, e en xuño xa estaba rematado. "Traballo axiña", apunta.

O método é sinxelo: o teléfono móbil (coa súa axenda) e a libreta sempre viaxan con ela, e anota frases, palabras, expresións ou pensamentos poden xurdir en calquera intre. Coa esencia no frasco, despois chega o tempo de moldear os poemas. "As veces salta a chispa paseando, antes escribía a impulsos", engade.

Pola súa data de nacemento (17-9-1999) Regina comenta que aínda non ten moito que dicir, pero o certo é que ese percorrido introspectivo xa lle valeu para inscribir o seu nome no cadro de gañadores dun dos certames máis prestixiosos da poesía galega.

Ademais do prestixio que supón o galardón instituido polo Círculo Mercantil e Industrial Unidad de Fene, este premio está dotado cunha importante dotación económica e coa publicación do libro pola Editorial Espiral Maior.

O acto de entrega celebrarase o día 16. Regina Touceda Rey terá que facer unha viaxe fugaz cunha espera de seis horas nun aeroporto de Londres. "O discurso e o que peor levo", recoñece.

A continuadora dunha saga de escritoras
Regina Touceda Rey é a continuadora dunha saga de escritoras de Cuntis que se expresan en verso. Con 20 anos, no seu expediente figura un accésit, na categoría de bacharelato, do IV Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro.

Nesta localidade vive Elvira Ribeiro e naceron Aurora Vidal, Baia Fernández, Mónica Graña e Antía Otero. O mesmo acontece con Susana Sánchez Aríns, que tamén gañou o Premio Nacional Xosé María Pérez Pallaré no ano 2008. Escritoras e escritores da talla de Xiana Arias ou Fran Cortegoso fixéronse co galardón en 2006 e 2013, respectivamente, e a Amauta Castro correspondeulle na edición anterior.


UN CERTAME CREADO EN 1987 E UN LIBRO QUE SERÁ PUBLICADO POR ESPIRAL MAIOR

O Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé convócao dende 1987 o Círculo Mercantil e Industrial Unidad de Fene o día do seu pasamento, o 1 de novembro. Nun principio o premiado era un poema en galego ou en castelán. En 2005, prodúcese unha transformación das bases.

O premio pasa a dirixirse, de forma específica, a libros de poesía en galego de autores inéditos. A convocatoria conta coa colaboración do Concello de Fene. Inicialmente, carecía de retribución económica, consistindo na publicación da obra pola Editorial Espiral Maior. Dende a vixésima quinta edición, celebrada no ano 2018, conta cunha dotación de 2.500 euros.

A entrega terá lugar este sábado, día 16, ás 20.00 horas, nun acto no que actuará a rondalla Estrelecer, pero o programa comezará o 15, día no que o grupo de teatro A Cova do Trasno representará, no mesmo escenario, obra titulada "A morte de estoraque de guanabacoa".

Comentarios