Rematan os traballos de urbanización levados a cabo no núcleo urbán de Valga

O investimento realizado ascendeu a 175.085 euros e foi financiado íntegramente polo Ministerio de Transportes y Movilidad
O edificio do Parque Irmáns Mosquera foi revestido con madeira. CEDIDA
photo_camera O edificio do Parque Irmáns Mosquera foi revestido con madeira. CEDIDA
A Rúa Baixa e os accesos ao Parque Irmáns Dios Mosquera e ao Centro de Interpretación da Caña de Valga ofrecen unha renovada imaxe tralas obras de urbanización. Os traballos están practicamente rematados e supuxeron un investimento de 175.085 euros, aportados polo Ministerio de Transportes y Movilidad.

As actuacións incluíron a pavimentación da rúa, apertura de accesos, mellora dos servizos de saneamento, recollida de augas e iluminación e acondicionamento do edificio e do lavadoiro.

O trazado da Rúa Baixa, que arranca dende a estrada N-550 nun entorno urbano e avanza ata desembocar nunha área natural, pavimentouse combinando formigón e granito. A pedra colocouse nas zonas máis nobres para poñer en valor os puntos salientables do percorrido. Tamén se levaron a cabo melloras no saneamento e na recollida de augas pluviais.

Para mellorar o acceso ao Centro de Interpretación da Caña habilitouse un camiño formado por pezas de formigón, e no exterior do edificio instalouse mobiliario urbano.

Tamén se actuou na edificación existente á entrada do Parque Irmáns Dios Mosquera, que foi revestida con entaboado de madeira, buscando a súa mellor integración na paisaxe. O lavadoiro foi sometido a unha intervención para a súa posta en valor. Este elemento tradicional atopábase constrinxido entre escaleiras, muros e volumes edificados, e liberouse mediante a demolición das escaleiras de acceso á edificación e outros elementos.

Ademais, pavimentouse o entorno con lousas de granito e colocáronse bancos e luminarias para a valorización tanto da pía coma do espazo adxacente.

Comentarios