Sábado. 25.05.2019 |
El tiempo
Sábado. 25.05.2019
El tiempo

Repeniques que soan no peto

Prieto e Torres ensinando a aplicación móvil, na igrexa de Lalín. B.P.
Prieto e Torres ensinando a aplicación móvil, na igrexa de Lalín. B.P.

A Unidade Pastoral de Lalín activa unha app para avisar das misas

Xa case son só lembrazas de avós aqueles repeniques de campás, chamando á misa, tocando a defunto, avisando da hora do xantar, do remate da faena ou mesmo alertando dun incendio. Cada motivo tiña o seu ton, a súa musiquiña, repiques a modo de aviso que nenos e maiores sabían daquela descifrar. Hoxe, na gran maioría das parroquias esta canle de comunicación perdeuse, e se noutras aínda soa algunha campá, faino con menor frecuencia. Adaptándose ós tempos, en Lalín acaban de poñer en marcha unha aplicación gratuíta para móbiles e tabletas a través da que os fieis e veciños en xeral poden recibir notificacións con avisos sobre os oficios relixiosos programados ou sobre a actividade xeral da parroquia.

A Unidade Pastoral de Lalín Centro, conformada polas freguesías de Lalín, Donramiro, Bendoiro, Prado, Donsión, Goiás, Xaxán e A Veiga, convértese así na primera en Galicia en contar con este servizo. Detrás da idea está o seu sacerdote diocesano, Marcos Torres, e a empresa local Kuzunguka APP, a responsable do deseño da aplicación. «Hai algunhas parroquias de grandes cidades como Madrid que a utilizan, pero en Galicia non atopei ningunha. Eu xa tiña en mente facelo cando vin destinado aquí e os papas Benedito XVI e Francisco e o noso bispo xa nos viñan dicindo que é preciso adaptar todo o noso ós novos tempos para estar máis na rúa», explica o párroco responsable da Unidade.

O servizo "está aberto a tódalas idades e persoas, á xente que vive na zona e tamén ós que están fóra e queiran sentirse un pouco máis preto da súa terra". Hai tan só uns días que a aplicación está activa e localízase premendo no buscador o nome "Igrexa de Lalín". Está dispoñible para a descarga de balde nas plataformas de iOS e Android e a través dela o usuario poderá consultar os horarios das misas, situar co GPS os lugares de culto, recibir avisos dos funerais (con indicacións do nome da persoa falecida, se a familia o autoriza), novenas e demais actos relixiosos e mesmo rezar, pois ofrécense oracións en galego, castelán e latín. Hai tamén unha galería de imaxes que se irá ampliando e enlaces ás páxinas web da Diócese de Lugo, do Seminario Diocesano, da Conferencia Episcopal e mesmo ó Twitter do papa Francisco.

A empresa que desenvolveu a aplicación encargarase das actualizacións máis técnicas. Do máis sinxelo, coma as notificacións, ocuparase o sacerdote Torres. O servizo é custeado pola Unidade Pastoral dezana, que quixo apostar polo talento lalinense á hora de encargar o labor de deseño. "Paréceme moi interesante este traballo e, sobre todo, que veña dun sector que non se espera", explica Rosa Prieto, a directora creativa de Kuzunguka. Ela é unha das tres persoas socias da firma, que naceu en xuño de 2016 como saída á crise e que se dedica, principalmente, a crear aplicacións e páxinas webs para empresas.

Con este proxecto, a Unidade Pastoral de Lalín segue os pasos do tamén lalinense Santuario do Corpiño, pioneiro en España na publicación de app propias de santuarios.

Repeniques que soan no peto
Comentarios