Retómanse as obras do Centro Integral de Saúde de Lalín despois de dous meses

O alcalde de Lalín comprobou este luns que a empresa está a cumprir co compromiso asumido coa Xunta
José Crespo cos responsables da empresa concesionaria. CEDIDA
photo_camera José Crespo cos responsables da empresa concesionaria. CEDIDA

Despois de case dous meses paralizadas debido á crise dos materiais, as obras do futuro Centro Integral de Saúde (CIS) retomáronse este luns. O alcalde de Lalín, José Crepso, achegouse a comprobar 'in situ' o reinicio das actuacións por parte da empresa concesionaria, Construcciones Ramírez, e mostrou a súa satisfacción de que a entidade esté a cumprir "o compromiso asumido coa Xunta de Galicia para reiniciar as obras esta mesma semana".

Por outra banda, o rexedor lalinense explicou que, mentres se retoman estes traballos de construccións desta tan necesaria infraestrutura sanitaria, o Goberno local segue a negociar coa Consellería de Sanidade "para que un edificio que será exemplar estea dotado dos recursos técnicos e humanos necesarios para garantir unha asistencia sanitaria de máxima calidade".

O Goberno galego anunciaba hai uns días que as obras se retomarían esta mesma semana tras o traballo conxunto entre a Axencia Galega de Infraestruturas e a empresa adxudicataria para buscar unha solución ao parón dos traballos debido aos problemas derivados da crise dos materiais, tanto pola escaseza dos mesmos como polo aumento dos prezos, nalgúns casos de máis do 20% con respecto ao momento da adxudicación do proxecto.

As actuacións comezaron na pasada primavera e a súa finalización estaba prevista para o mes de decembro deste mesmo ano. Sen embargo, debido a este parón, a inauguración da infraestrutura demorarase un pouco, segundo recoñeceu o propio rexedor lalinense a pasada semana.

COMPARECENCIA. José Crespo comparecerá ante o Pleno o próximo xoves para dar conta das últimas novidades do CIS. Esta petición, que levou á anterior sesión plenaria Compromiso por Lalín (CxL), foi consensuada finalmente por todos os grupos políticos a costa de reducir o número de mocións que se debatirán. O alcalde asegurou que será totalmente transparente neste tema.

Comentarios