Roberto Tojeiro e Esther Estévez serán comendadores do Cocido lalinense

O empresario e a xornalista súmanse ao propietario do hotel Preciados de Madrid, Melquíades Álvarez, xa anunciado por José Crespo
Roberto Tojeiro y Esther Estévez. DP
photo_camera Roberto Tojeiro y Esther Estévez. DP

O presidente do grupo Gadisa, Roberto Tojeiro, e a presentadora e influencer Esther Estévez serán comendadores do Cocido de Lalín. Estes dous nomes súmanse así ao de Melquíades Álvarez, propietario do restaurante Café Varela e do hotel Preciados en Madrid.

Así o anunciou o alcalde lalinense, José Crespo,que indicou que un dos novos comendadores que xurará defender o Cocido de Lalín será o empresario galego Roberto Tojeiro Rodríguez, nado en Pontes de García Rodríguez. Tojeiro é un dos empresarios galegos máis destacados cun cargo de alta dirección en corporacións como o grupo IFA e outras de diversos sectores. Así, "con esta distinción, a Encomenda do Cocido quere recoñecer o compromiso que o grupo Gadisa e o propio Tojeiro en primeira persoa tivo sempre con Lalín e coa difusión e promoción dos produtos lalinenses e da propia Feira do Cocido. Sendo a firma patrocinadora do evento durante a última década e facendo oco nos lineais dos seus supermercados para a difusión do prato típico lalinense", subliñou o rexedor dezano.

Por outra banda, na mesma xornada, que terá lugar o próximo domingo 24 de abril, día grande da LIV Feira do Cocido, será nomeada comendadora a presentadora e influencer Esther Estévez. Nada en Verín, a xornalista é presentadora do programa Dígocho eu de Televisión de Galicia e é "unha importante activista nas redes sociais na difusión, mellora e promoción da lingua galega, especialmente na rede Tik Tok onde os centos de miles de seguidores reciben dende o seu perfil consellos e correccións no uso do galego", apunta.

"Do seu gran traballo en televisión fala o feito de que hai apenas un mes recibiu o Premio Mestre Mateo á mellor comunicadora polo traballo no seu programa Dígocho eu, que tamén recibiu o premio ao mellor programa de televisión en Galicia", engadiu.

A VOLTA DA ENCOMENDA. José Crespo anunciou que, despois de que o ano pasado non se puidera celebrar pola pandemia, a Encomenda do Cocido volverá a celebrarse no seu formato ordinario na mañá do domingo co nomeamento de novos comendadores que, salvo novidade, serán un total de cinco novos defensores da Feira do Cocido e do prato típico lalinense.

Pese a non celebrarse coincidindo coa feira, a Encomenda, no último ano, celebrou dous capítulos extraordinarios, un en agosto de 2021, no que se nomearon novos comendadores a chefs que sumaban unha vintena de estrelas Michelin como Jordi Cruz, Elena Arzak ou Lucía Freitas, e outro en marzo deste ano en Miami, onde se nomearon comendadores a Carlos Vasallo, José Luis Rodríguez, Alicia Machado, Joe Carallo e José María Barreiro.

Comentarios