Rodrigo Ramos, compositor: "Fixen un disco máis accesible e máis positivo que o anterior"

Este silledense de 29 anos presentou o pasado venres o seu segundo disco 'Sol de invierno', un traballo a cabalo entre o pop e o rock que tamén fai unha chiscadela á música da terra. Santiago, Madrid, Bilbao, Barcelona e Salamanca son as cidades nas que xa ten concertos pechados
Rodrigo Ramos, nunha imaxe promocional. MARÍA FERRADÁS
photo_camera Rodrigo Ramos, nunha imaxe promocional. MARÍA FERRADÁS

"Levo na música, trece ou catorce anos". Ten 29 e está a piques de estrear o seu segundo disco. O primero traballo de Rodrigo Ramos en solitario, logo de pasar por varios grupos, foi en 2017, con Mirabas Almas. Compón dende a súa casa de Laro, inspirándose, sobre todo, na literatura e no cine.

O single de presentación comeza cunha frase moi evocadora: "Vuela lejos". Ata onde quere voar Rodrigo Ramos?
Ata onde se poida, pero sen poñer unha meta fixa. O camiño percorrido xa é satisfactorio, porque vas acumulando experiencias. O ano pasado fixen unha xira bastante longa con Mirabas Almas. Toquei en Madrid, Barcelona, Bilbao, Sevilla e resto de territorio nacional. Por agora non saín de España, pero si que me gustaría.

"Os temas son todos compostos por min e o proceso creativo é escribir e tocar sen parar, xeralmente de noite"

Este novo disco é moi diferente ó seu primeiro traballo en solitario.
Si, é bastante distinto. A súa base está en retrousos pegadizos, con piano e cun órgano Hammond. Mirabas Almas é diferente neses aspectos melódicos, pero pódese dicir que se nota que é un traballo meu. Creo que é un disco máis accesible para o público, que pode gustar un pouquiño máis que o anterior. É menos escuro.

Reflicte a súa evolución como músico ou é máis un cambio no persoal?
Reflicte máis ben outro estado emocional ou vital, máis que un estado como músico, xa que practicamente foi rematar o outro disco e poñerme a traballar neste. Mirabas Almas publiqueino en 2017, fixen a xira entre ese ano e o 2018 e en 2018 xa me puxen a gravar o novo. Cando te metes na produción non só presentas as cancións que saen á luz, senón cincuenta, e ó final seleccionas dez.

Como é, no seu caso, ese proceso de creación?
É dos que se pecha meses ou busca inspiración fóra? Os temas son todos compostos por min e o proceso creativo é escribir e tocar sen parar. Acostumo compoñer de noite, aproveitando o silencio e a calma. Vexo moitas películas e leo moitos libros para ter material que me inspire. É unha etapa curta, duns meses, pero cun ritmo frenético.

Dez temas presenta en Sol de Invierno, de corte pop, rock e folk...
O disco é máis pop-rock que outra cousa, pero hai cancións de distintos estilos, porque sempre me gustou indagar en toda a miña musicalidade; da música que escoito á que creo. Nove temas son en castelán e un en galego, con Guadi Galego. Creo que é un disco máis positivo que Mirabas Almas, bastante máis alegre, por dicilo dalgunha forma.

É unha mostra do seu estado vital, como comentaba ó comezo...
Si, claro. Mirabas Almas foi nunha época de bastantes cambios vitais e este, nun momento de máis estabilidade, sobre todo.

Canta dende a cuna...
Son fillo único e, ó non ter irmáns, unha das miñas actividades para pasar o tempo era cantar.

Se ser músico é xa de por si unha carreira de fondo, é máis complicado selo no rural, onde o acceso e a transmisión de cultura semellan ás veces tarefa máis complicada?
Hai un elemento de dificultade que está implícito en que non tes concertos preto e todo iso, pero eu teño a sorte da ter nacido nunha época na que a información chega por moitas vías. Con trece ou 14 anos empecei a escoitar grunge, que é a música que me fixo click na cabeza para ter unha real atracción por ela, con grupos como Nirvan, Pearl Jam... Cheguei a eles por empezar a usar Internet, se non, imposible. Por iso hoxe en día é moito máis fácil chegar ti coa túa música e que che chegen a ti outras cousas.

Comentarios