Rueda reivindica os Orzamentos da Xunta no IV Magosto do PP de Lalín

Houbo máis de 1.500 asistentes acompañados por autoridades do partido político
O presidente do PP de Galicia na súa chegada ao Magosto de Lalín. LAVANDEIRA JR / EFE
photo_camera O presidente do PP de Galicia na súa chegada ao Magosto de Lalín. LAVANDEIRA JR / EFE

O IV Magosto do Partido Popular celebrado o pasado domingo mobilizou a máis dun milleiro de persoas. Neste acto estiveron presentes membros do partido como o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, o alcalde de Lalín, José Crespo e Román Rodríguez.

"Os Orzamentos están pensados para encarar o que vén por diante e para axudar a quen máis o vai necesitar", aseguraba o presidente do PP de Galicia durante a celebración do Magosto. Alfonso Rueda tamén quiso agradecer ao milleiro de asistentes a súa asistencia: "Se non hai partido, non hai nada, e non habería equipo sen todos os que estades aquí facendo forza e animándonos a seguir traballando".

Neste sentido, asegurou que sen as bases do partido non tivera sido posible a volta de José Crespo á alcaldía en 2019, ao tempo que trasladou ao rexedor popular todo o seu apoio. "Pepe era quen tiña máis sinxelo dicir que o seu momento xa pasara, pero fixo todo o contrario. Colleu todas as súas ganas por facer cousas, púxose a traballar e conseguiu o que parecía imposible: volver a ser alcalde e volver a poñer a Lalín no mapa despois de catro anos", afirmou.

Sobre os Orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2023, sinalou que "contrastan coa propaganda do Goberno central" e engadiu que "se debería pensar nos autónomos, nas empresas, na xente con ideas, nas familias e en seguir baixando impostos para que a xente teña máis cartos para poder vivir".

O presidente do PPdeG tamén quiso destacar que os Orzamentos da Xunta de 2023 para Lalín eran os mellores da historia porque os veciños o merecían e porque o seu concello tiña que seguir prosperando con forza como levaba facendo durante os últimos anos.

O presidente do PP de Galicia aproveitou o magosto para reivindicar que hai que seguir baixando os impostos

Ademais, aproveitou para reivindicar a Alberto Núñez Feijóo como "o mellor presidente da historia de Galicia" e puxo en valor os seus anos de goberno: "Os ministros de Sánchez veñen a Galicia a dicirnos moitas cousas sobre Feijóo, como se nós non coñeceramos ben a unha persoa á que votamos catro veces por maioría absoluta. Pero por moito que vaian a por el, por moito que mintan e por moito que acosen, Alberto Núñez Feijóo vai ser o próximo presidente de España".

Rueda quixo tamén agradecer aos asistentes a súa forza e os ánimos que lle trasladaron: "Eu a cambio ofrezo o que sempre ofreceu o PP: ser previsibles, traballar sen perder o tempo e seguir escoitando para que a xente nos diga o que precisa".

Comentarios