martes. 24.11.2020 |
El tiempo
martes. 24.11.2020
El tiempo

"Sabes que te quero totalmente e che gardo no meu peito un corazón"

Clotilde Rodríguez Lorenzo y Xohán Xesús González.
Clotilde Rodríguez Lorenzo y Xohán Xesús González.
Xohán Xesús González, o canteiro de Sebil, plasma en dous poemas o seu amor por Clotilde ► Rodríguez, unha relación entre dous mozos de Cuntis que non foi adiante

Século XX. Década dos anos dez. A pólvora da I Guerra Mundial aínda se respira por algures e vai haber eleccións. O mozo atópase coa súa namorada. Danse a man e, aínda que el xa anda por Compostela coa idea de estudar carreira, Clotilde percibe os calos do seu mozo, pois fora canteiro.

Quizais pasean ás agochadas e el cóntalle cousas marabillosas da cidade, dos xardíns da Ferradura, do movemento estudantil... e de que unha nova Galiza se está a erguer. Velaí que ese canteiro -alguén o chamou "O Xílgaro de Sebil"- ingresa nas Irmandades da Fala sen renunciar a dicir que se dedica aos traballos da pedra.

É o ano 1918 e teima con se matricular na Escola Normal de Santiago co obxecto de ser mestre. Entra nos claustros de San Xerome, onde está instalado ese centro de ensino. Por setembro do ano seguinte asiste ás aulas do pedagogo Xosé María Moar Fandiño.

En 1920 fica na cidade de Murcia para facer o servizo militar. Quizais por ese motivo separan os seus destinos. Sexa como for, a relación non prospera, algo terían que ver as familias (ou non), as circunstancias (talvez) e o afastamento (abofé que si). Mais o cariño sempre está presente, alén de saberse gardar o respecto e que ninguén ousase falar mal do outro.

Despedida. El, que xa gusta do verso, antes da despedida xa recitara algunha composición á súa namorada. Queda constancia dos seus sentimentos nun par delas que saen recompiladas xunto con outras nun poemario titulado Agarimos: Versos da y-alma.

O de Sebil lanza esta obra en Compostela en 1921 e di que a rematou por agosto. No tocante aos versos que dedica á súa outrora moza, titúlaos co nome dela (Clotilde) ao tempo que sinala que son "pra unha rapaza de quen estuven namorado xa hay tempo".

Á moza chéganlle esas palabras ás súas mans, retenas no seu pensamento e gárdaas coma ouro en pano. Tanto é así que quixo aprendelas e recitalas en voz alta, sen medos e con agarimo.

Querer. Aquel que outrora a quixera, continúa por 1921 a compor unha outra peza lírica para lembrala e dar constancia dese feito. Mais non estamos seguros de que Clotilde tivese constancia deste texto. O canteiro -que aínda non é mestre- rotula a nova composición co título "Querer", e ve a luz na edición do 20 de xaneiro de 1922 da revista Vida Gallega. Querer porta unha dedicatoria: "Pra ti que xa sabes que te quero tota[l]mente, y-e che gardo no meu peit"un corazón ¡¡Clotildiña!".

10 de outubro de 2017: Unha neta de Clotilde, de nome Beatriz, envíame unha mensaxe. Preséntase e pregunta -como biógrafo do canteiro- se coñezo un poema que este lle dedica á súa avoa e que fala dos "seus ollos feiticeiros". Abro o exemplar do poemario, rebusco nos versos e fágollos chegar.

Beatriz narra a historia da súa avoa, Clotilde Rodríguez Lorenzo (de San Martiño da Laxe - Moraña, nacida en 1900), do momento no que aprende ese poema, o que adoita recitar ás crianzas e quizais outrora tamén ás súas catro irmás.

Porque Clotilde ao final casa no lugar do Souto, nesa mesma parroquia, en 1930. É foi feliz e tivo un par de fillos (Marina e Moncho) que recolleron en pano de seda esa fermosa historia cifrada en verso e en comentario familiar.

Porén, el nunca casou, aínda que tivo parella, e chega a mestre, xornalista, escritor, sindicalista, político, avogado, preso... Unha bala, e outra e outra bala... Un compañeiro cae e el tamén: fusilados todos os cinco, en Boisaca.

Porque hai quen gustou de lle arrebatar a vida, ao igual que a tantos miles de republicanos, homes e mulleres de ben. Porque alí o deixaron ciscado coma un farrapo vello para queimar. Porque alí na foxa de Boisaca, dende o 12 de setembro de 1936, guindárono para non ter lembranza.

Igualdade. Nos anos cincuenta a súa familia, con medo, traslada ao camposanto de Sebil os restos mortais daquel que buscara a igualdade xurídica para a muller e o home (aínda hoxe se está con iso!!). Só de cando en vez, mans ignotas depositan margaridas sobre esa laxe que segue anónima e atesoura a dignidade.

Non houbo maceta e punteiro que cicelasen tres estrelas -tal correa de Orión- cabo dun epitafio austero para el: "Xohán Xesús González (1895-1936) - canteiro, poeta e Galego... En Compostela soterraron a semente" (que diría outro bardo:Ferrín!).

"Sabes que te quero totalmente e che gardo no meu peito un corazón"
Comentarios