Sabucedo celebrará a súa Musa o 28 e 29 de outubro

Esta festa acollerá a presentación do filme 'As Bestas', de Sorogoyen
Presentación da Musa, este luns no Pazo Provincial de Pontevedra. DP
photo_camera Presentación da Musa, este luns no Pazo Provincial de Pontevedra. DP

Sabucedo continúa mantendo vivas as tradicións que mellor definen a historia e a cultura desta parroquia do rural estradense. Se nos meses de verán A Rapa das Bestas acapara todas as miradas, ao chegar o outono a súa tradicional Musa (Muiñada, Magosto e Samaín) convértese no epicentro das tradicións galegas na última fin de semana do mes de outubro.

O Pazo Provincial acolleu este lunes a presentación deste característico evento de Sabucedo, coa participación da deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, e Manuel Cabada, representante da Asociación Rapa das Bestas.

A deputada destacou a importancia desta iniciativa, que terá lugar os días 28 e 29 deste mes, para "non perder as nosas tradicións" e, xunto co estradense, convidou a todas e a todos "a participar nunha festa que busca conservar as nosas raíces e tradicións".

Ana Laura Iglesias quixo facer fincapé en que unha das principais actividades que se levarán a cabo será o preestreno exclusivo do filme de Rodrigo Sorogoyen As Bestas, e do que destacou que "é un dos grandes directores deste país" e "unha persoa comprometida coa Rapa das Bestas, unha grandísima festa tan importante para esta provincia".

Así mesmo, a deputada provincial salientou a relevancia que teñen este tipo de iniciativas "que poñen en valor a nosa riqueza cultural porque non podemos perder o Samaín, os magostos ou os nosos seráns, é moi triste que perdamos as nosas raíces e que os rapaces en vez de falar do Samaín falen de Halloween".

Manuel Cabada afirmou que o programa, que se pode consultar na páxina web da Rapa das Bestas e nas redes sociais, é "moi extenso" no que "hai actividades para todos" co obxectivo de que sexa "un punto de encontro para recuperar tradicións". Animou a que aquelas persoas que poidan se acheguen a Sabucedo para poder desfrutar da procesión da Santa Compaña, a muiñada ou outras actividades como obradoiros, degustacións e concursos nunha xornada na que amais "vai a haber moita música".

Comentarios