Sabucedo recibe cabalos de Forcarei

Seis equinos salvaxes identificados da Rapa das Bestas e un máis sen dono coñecido pasaron ás instalacións do novo centro de acollida que puxo en funcionamento a asociación estradense
Os cabalos que chegaron ao novo centro de acollida de Sabucedo procedentes de Forcarei. CEDIDA
photo_camera Os cabalos que chegaron ao novo centro de acollida de Sabucedo procedentes de Forcarei. CEDIDA

A iniciativa lanzada pola alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, xunto coa Asociación Rapa das Bestas para derivar os cabalos mostrencos a un novo centro de acollida en Sabucedo, está dando os seus primeiros froitos. Seis bestas da propia asociación foron devoltas a esta entidade e unha máis, sen dono coñecido, pasou tamén ao seu cargo ao tempo que se abriu o período preceptivo de reclamacións.

Hai nove meses a Xunta abriu a porta a esta idea, confirmando a autorización para a habilitación desas instalacións para equinos salvaxes en Sabucedo. Dende aquela e unha vez activado de xeito efectivo o procedemento, recibíronse no Concello de Forcarei varios avisos veciñais sobre a presenza de cabalos sen control nas inmediacións de fincas privadas, aínda que as dificultades para capturalos, multiplicadas polas limitacións derivadas das medidas de contención do coronavirus, complicaron moito o proceso.

Nas últimas datas conseguiuse prender a sete equinos, confinados inicialmente nunha parcela particular do lugar de Carballeira. De alí foron derivados ao centro de acollida de Rapa das Bestas. Segundo comprobou a Garda Civil, un deles non tiña microchip e non puido identificarse ao seu propietario, polo que se activou o procedemento para constatar se existía ou non. A reactivación do servizo de retirada de gando mostrenco data de marzo de 2020, despois de que tan só funcionara durante uns poucos meses no anterior mandato. A administración de Verónica Pichel decidiu contratar para esta iniciativa a un profesional.

Co procedemento tradicional, cando unha persoa comunicaba ao Concello a aparición dun cabalo salvaxe, o responsable do servizo acudía a recollelo e o gardaba temporalmente nun recinto. A continuación a Garda Civil trataba de identificar ao animal e emitía un bando. Se ninguén reclamaba a propiedade nun período de tempo determinado, o Concello tiña tres posibilidades segundo a normativa vixente: levalo directamente ao matadoiro, levalo a poxa ou entregalo a un centro de acollida.

O obxectivo de Pichel co acordo coa Asociación Rapa das Bestas era precisamente evitar que os cabalos mostrencos acabaran sacrificados. Por iso puxo ao fronte do servizo a unha persoa dun determinado perfil e decidiu apostar pola colaboración pioneira co colectivo de Sabucedo.

Comentarios