Sabucedo reúne case 200 bestas para aloitar

Foi mobilizado un helicóptero por un mozo que caeu dun cabalo 

photo_camera Distintos momentos da xornada de subida ao monte para buscar as bestas. PATRICIA FIGUEIRAS

Aínda non abrira o día, eran as seis da mañá, e a campá da igrexa daba media hora de repenique para espertar ós veciños. Antes, as bombas de palenque anunciaban o comezo da festa. Algo máis de media hora despois, Sabucedo encomendábase a San Lourenzo, patrón da parroquia, nunha misa atípica na que houbo o triple de cámaras, fotógrafos e reporteiros que fregueses e veciños. Moitos dos aloitadores agardaban fóra ata o momento de saír ó monte na busca das bestas. Unhas a pé, outras a cabalo, foron moitas as persoas que enfilaron monte arriba para agrupar as manadas que esta tarde, mañá e o luns serán aloitadas.

Fontes da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo cifraron en case 200 as reses que reuniron ó longo de todo o día. Foron menos que outros anos, pero posiblemente hoxe, a primeira hora, volvan subir ó monte para facer unha batida e, se avistan algunha grea máis, tratarán de levala ó peche do Castelo, onde descansaron esta noite as xa congregadas. A este punto chegaron onte arredor das seis e media da tarde.

Un incidente empañou a xornada. Pasadas as dez da mañá, foi mobilizado un helicóptero para auxiliar a un mozo que caeu dun cabalo en Quireza, cando se dispoñía a subir ó monte. A vítima foi finalmente trasladada en ambulancia ó Hospital de Montecelo, consciente.

A cita más concorrida será este venres ás 19.00 horas, coa celebración da primeira rapa. A previsión é xuntar as bestas no Celeiro arredor das once da mañá para baixalas, e que entren na aldea arredor das dúas da tarde. A programación do Rapasons ofrecerá as actuacións da Banda de Música Cultural da Estrada, de Mekanika Rolling Band, de Tequexetéldere e de Airiños de Caldelas. As orquestras Gran Parada e D"Moda animarán a verbena nocturna. A organización agarda que ata o luns pasen por Sabucedo unhas 30.000 persoas.

Comentarios