Sabucedo ve factible usar drons como ferramenta para guiar as súas mandas

O son do aparello mentres voa á altura das bestas fai que estas se movan na mesma dirección
Aloitadores colocan un GPS a unha das bestas no último curro desta edición, o pasado xullo. PATRICIA FIGUEIRAS
photo_camera Aloitadores colocan un GPS a unha das bestas no último curro desta edición, o pasado xullo. PATRICIA FIGUEIRAS

O emprego das novas tecnoloxías para facer a vida máis doada é unha práctica que tamén se extende ás labores máis tradicionais como o coidado do gando. Así é que a Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo probou nos dous últimos anos drons e unha cámara términa para localizar as súas mandas no monte. As conclusións deste proxecto de investigación na procura de solucións innovadoras para a xestión e a valorización dos cabalos bravos en Galicia serán presentadas nunha xornada o próximo 5 de outubro, pero o colectivo xa tira as primeiras reflexións: os aparellos poderían ser utilizados para manexar as manadas dun lado a outro e facilitarían a xestión dos desbroces.

"Con dous drons sería o ideal, un por adiante e outro por atrás da manda"

As probas realizadas demostraron que os drons voando a baixa altura, ó nivel das bestas, fan que estas se movan ó escoitar o ruído do aparello. Isto requiere unha especial pericia do piloto. "Con dous drons sería o ideal, un por adiante e outro por atrás" da manda para evitar que esta se disperse, explica o presidente de Rapa das Bestas, Henrique Bazal. Este sistema facilitaría tamén a xestión dos desbroces, posto que permitiría coñecer en que zonas do monte é preciso incidir máis na limpeza. En definitiva, permitiría "optimizar recursos".

Outra das ferramentas, xa implantada, que emprega Rapa das Bestas dende o pasado ano é o GPS, dispositivo anclado nun colar que levan no pescozo algunhas das bestas. Actualmente hai doce en funcionamento e seis máis en reserva "para ir repoñendo". A localización das mandas, con información cada hora, é a súa principal función, pero tamén aporta outros datos que permiten, por exemplo, controlar que zona frecuentaron nunha determinada época do ano. "Isto é moi interesante, porque, xunto coas visitas de campo, dá unha idea de cal é a súa alimentación preferida e onde buscan auga", explica Bazal.

Bazal recoñece que "nos últimos anos estase acentuando" a presenza dos équidos nas aldeas cada vez máis cedo

O proxecto de xestión e valorización xa rematou, pero Rapa das Bestas confía en poder concorrer a otras axudas para seguir investigando, por exemplo, sobre os tipos de marcaxes, máis alá do nitróxeno, do lume ou de prácticas coma as mutilacións nas orellas.

ÉQUIDOS NAS ALDEAS. A cabana de Sabucedo está "en boas condicións" nesta época do ano. Porén, a baixada das bestas ós prados, unha práctica máis propia do inverno, xa comezou a producirse en agosto.

Bazal recoñece que "nos últimos anos estase acentuando" a presenza dos équidos nas aldeas cada vez máis cedo. Descoñece se baixan en busca de auga ou de alimento. A incursión de bestas de fóra podería estar variando a demanda do tipo de pasto. Está comprobado que as da zona "comen moito máis toxo que as do Xistral", por exemplo, apunta o presidente.

Comentarios