O Salimat Abanca 2024 levará a Silleda máis de 60 innovacións alimentarias

A 27ª edición do salón de alimentación Salimat celebrarase entre o 30 de maio e o 2 de xuño como parte da Feira Internacional Semana Verde
Unha visita ao Salimat Abanca de 2023. DP
photo_camera Unha visita ao Salimat Abanca de 2023. DP

O 27º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca 2024, contará na súa área Alinova con cerca de sesenta innovadores produtos alimentarios. Paté de lacón con froito de érbedo e millo, aceite con esencia de anchoa ou marmelada con allo negro son algunhas das propostas que se poderán ver entre o 30 de maio e o 2 de xuño neste evento, que se celebrará paralelamente á Feira Internacional Semana Verde de Silleda.

Este salón de alimentación e o seu espazo adicado ás novidades funcionará un ano máis como un importante escaparate para os expositores, tanto de cara ao consumidor final como ante os profesionais do sector. Así, as empresas fabricantes, que este ano serán preto de 40, mostrarán os seus produtos nos seus stands da feira en Silleda, algúns dos cales serán presentados por primeira vez ao mercado en Salimat Abanca 2024.

Nesta edición, en Alinova estarán moi presentes os produtos e conservas cárnicas, moitas delas centradas nas razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción, como o porco celta, a vaca cachena ou a galiña piñeira. Haberá patés, caldo limpo ou manteiga, entre outras elaboracións. Tamén serán numerosos os aceites de oliva virxe extra e, entre eles, unha liña de AOVE solidaria contra o cancro.

Sumaranse ao Alinova os lácteos, como crema de queixo de cabra con allo negro ou crema de queixo brie con touciño entrefebrado rabioso de porco celta. Tamén os produtos doces. como distintas variedades de alfajores, rocas de queimada ou polvoróns de améndoa elaborados con manteiga de porco celta. Ademais, mostraranse bebidas, como viño albariño de autor, un licor de canela, novos vermuts galegos vermellos e brancos ou sidras.

Respecto ás conservas, destacarán algúns como caracois cocidos refrixerados, anchoas ecolóxicas sobadas a man de costeira de primavera e novos patés de produtos do mar. Por outra banda, atoparanse produtos como sopas de verduras deshidratadas, castañas deshidratadas, snacks, fariña e infusión de plátano ou vinagre de arando ecolóxico.

Comentarios