A segunda aloitadora da historia: "En Sabucedo non hai discriminación"

"As mulleres imos man a man cos rapaces", asegura Nuria Díaz, que agora inicia na tradición ás súas fillas Xiana e Saínza e ó seu fillo Anxo, dos que está "orgullosa"

DOMINGO SEGUNDO CURRO RAPA (3)
photo_camera Nuria Díaz, coas súas fillas e fillo, onte, ó rematar o curro. PATRICIA FIGUEIRAS

Susi Tafalla, veciña de Codeseda, foi a primera aloitadora da historia da Rapa de Sabucedo. Nuria Díaz, a segunda. Esta presenciaba onte o curro dende a grada nun momento no que a nobre loita entre home e besta xa ía avanzada. Ó comezo, si pisou a area, acompañando, "orgullosa", ás súas fillas Xiana (9 anos) e Saínza (8) e ó seu fillo Anxo (5), que se inician nunha tradición que a familia leva no sangue. "Comecei ós 18 anos e aloitei ata hai dous. Teño 38 e tres fillos. Segue a ser unha paixón, pero teño conciencia de nai", explica sobre a súa retirada na loita corpo a corpo, que non no traballo de coidado das bestas no monte durante o resto do ano.

"Non creo que volva aloitar. Foron moitos anos e lévalo dentro, pero chega un punto no que tes que plantexarte dicir: ata aquí. Do que máis orgullosa estou é de que en Sabucedo non hai discriminación, nin no monte nin no curro. Non vas cun rapaz ó rabo, vas con eles, e son os que te apoian, os que che ensinan e os que che axudan. Aquí estamos man a man con eles", asegura. Lucía é agora a aloitadora en activo en Sabucedo. Onte non participou, pero si o fixo no primeiro curro, o sábado. Nuria ve con mágoa que a presenza das mulleres na area vaia a conta gotas. "Lucía é unha pedazo aloitadora, ten un salto que morres, e o que dá rabia é que non haxa dúas ou tres que salten ó mesmo tempo. Sempre hai unha e cando para, vén outra", sinala.

Con tres anos o fillo de Nuria entrou por primeira vez no curro (agora ten cinco). "Daquela quixo subir. Quitamos os poldros para fóra e subeu. Agora non, agora entra con nós ó medio das bestas. Temos que paralo moitísimo, porque segue sendo un rapaz no medio de animais de 300 kilos... Teño ese sentimento de nai, pero, por outro lado, ves que o disfruta, entón, aínda que coa preocupación dentro, vas máis cheíña para a casa..." (Ri).

Hai xente en contra de que os nenos entren no curro, pero se non llo inculcas, o día de mañá non haberá quen se meta nin coide os montes

Xiana é máis reticente a entrar no curro, pero é a primeira que "goza moitísimo indo ó monte" a polas manadas que a familia ten en liberdade. "Moita xente está en contra de que os rapaces estean dentro. Eu, por un lado, enténdoo. Porque visto dende fóra dis, que sentido común ten? Pero se non empezas a metelos e a inculcarlle que ós animais hai que terlle respecto, non medo, o día de mañá non haberá ninguén que se meta aí nin que coide dos montes. E é a nosa vida. Sabucedo sen curro sería un pobo normal e corrente", argumenta.

CON AXUDA. "O curro é o final. Sen a xente de fóra que nos axuda nós non podemos facer a rapa. Que cada ano haxa menos bestas por culpa de circunstancias, fastidia, pero nós intentamos poñer todo da nosa parte. Haberá que facer desbroces para que teñan que comer, mercar máis animais, vixiar máis os montes para que as bestas duren ata que os meus fillos poidan gozar disto e levalo eles, para que sigan. Iso é o maior orgullo", conclúe Nuria.

Comentarios