O Sergas incorpora un médico para a atención infantil en Cuntis e Moraña

Os veciños de Moraña e Cuntis levaban varias semanas concentrándose reclamando o reforzo da atención infantil nas súas vilas

Manifestación en Cuntis. DP
photo_camera Manifestación en Cuntis. DP

O Sergas vén de informar a través dunha nota de prensa que incorporará un profesional a cargo da atención infantil nos Concellos de Cuntis e Moraña. A mesma nota de prensa non especifica se o profesional é un pediatra. A incorporación será a partir deste martes 18 e "permite recuperar a situación previa á existente antes da resolución do concurso aberto e permanente do pasado mes de outubro", segundo destaca o ente sanitario galego. 

A EOXI de Pontevedra e O Salnés fai fincapé en que nesa especialidade hai "paro cero", o cal se debe a que "non se dispón de pediatras nas listas de contratación" e que iso foi o que dificultou a cobertura da praza deses concellos.

As mobilizacións víñanse sucedendo en Cuntis desde hai máis dun mes. Cada venres os veciños concentrábanse ás portas do Centro de Saúde para reclamar que se restablecese o servizo. A boa acollida destas concentracións animaba o Concello a seguir apoiando as reivindicacións, a última, o 5 de decembro, foi respaldada por máis de 500 persoas.

Comentarios