Silleda denunciará os destrozos causados por un individuo na praza de Santa Olaia

O Concello pide "respecto" para o autor dos feitos, xa que padece unha enfermidade mental
O estado da praza de Santa Olaia este martes. DP
photo_camera O estado da praza de Santa Olaia este martes. DP

Tras os danos causados na balaustrada da praza da igrexa de Santa Olaia, o Concello de Silleda emitiu un comunicado no que anuncia que presentará unha denuncia polo caso. Os feitos tiveron lugar durante a madrugada deste martes, cando unha persoa derrubou a golpes a barandilla de pedra da praza. O Goberno local, non obstante, pediu "o máximo respecto para a persoa involucrada", a cal "padece unha enfermidade mental".

A zona, que este martes pola mañá presentaba os cascotes derrubados esparcidos pola praza, tivo que ser precintada pola Policía Local por motivos de seguridade. Os operarios municipais, así mesmo, iniciaron os traballos para a retirada das pedras.

 

A persoa que causou os feitos foi identificada e, debido á súa situación, o departamento de Benestar Social está facendo un seguimento do caso. O Goberno local informou "tanto á familia como ás entidades sanitarias, sen que ata o momento se puidera propiciar un iternamento". O caso, así mesmo, "se lle notificou á Fiscalía o pasado 14 de maio".

Comentarios