Silleda inicia a remodelación interior da nova sede da Casa do Concello

As obras, que estarán rematadas cara a próxima primavera, avanzan ao ritmo do calendario previsto ► Nos próximos días comezarán a erguerse as divisións interiores do inmoble
Carlos Font e Manuel Cuíña visitaron este xoves as actuacións. DP
photo_camera Carlos Font e Manuel Cuíña visitaron este xoves as actuacións. DP

A nova Casa do Concello de Silleda entra nunha nova fase das obras, unha vez rematados os traballos de demolición como paso previo á rehabilitación integral dun inmoble destinado a converterse no epicentro urbano da vila. O deputado Carlos Font visitou as obras, enmarcadas dentro do plan provincial ReacPon, xunto co alcalde, Manuel Cuíña. Os traballos contan cun orzamento total de 1.802.984 euros dos que a Deputación achega 713.250 euros.

As obras, que estarán rematadas cara a próxima primavera, avanzan ao ritmo do calendario previsto e así, nos próximos días, comezarán a erguerse as divisións interiores para dar forma aos distintos departamentos municipais que acollerá o inmoble. Carlos Font destacou a importancia desta transformación que, ademais de poñer en valor un edificio moi vinculado ao patrimonio arquitectónico da vila trasdezana, é unha ambiciosa aposta por ofrecer á veciñanza uns servizos públicos de calidade dende unha situación inmellorable.

O deputado salientou a "valentía" do Goberno local por acometer "un proxecto que entrañaba dificultades e que pronto estaremos en condicións de inaugurar". "Dende a Deputación concibimos no seu día o ReacPon, o maior plan extraordinario da historia da Administración provincial, como unha oportunidade para sacar adiante novos equipamentos municipais na provincia e este, sen dúbida algunha, é un dos destacados".

Nesta liña, o alcalde recalcou que estas obras significan a redefinición do centro urbano de Silleda, situando a Casa do Concello en plena rúa Progreso. Ademais disporá dun acceso traseiro pola rúa Morón. En palabras de Cuíña porase fin á "anomalía" que supoñía ter a Casa do Concello "nunha curva da N-525, nun edificio condicionado por unhas escaleiras, no que só están unha ducia de traballadores e traballadoras municipais e que, ademais, carecía de facilidades de aparcamento para a cidadanía". Con esta nova sede municipal, destaca o mandatario, unifícase a todo o persoal baixo o mesmo teito.

Tres plantas e un edificio traseiro
O novo Concello de Silleda terá no andar baixo o punto de atención cidadá, o Rexistro, a Policía Local e o Xulgado de Paz. No segundo andar estarán as dependencias de Alcaldía, Intervención, Secretaría e oficinas xerais.

Na última planta estará o salón de plenos e un auditorio de 100 butacas para a celebración de actos. Este último andar foi completamente derrubado ao tratarse dun engadido realizado durante a reforma realizada cunha escola obradoiro. A maiores as obras inclúen un edificio apegado na zona traseira, con dous andares, para acoller varios servizos municipais.

Alí crearase tamén un gran patio exterior con zona axardinada. A sostibilidade chega da man da utilización de tecnoloxías de baixo consumo e a incorporación do inmoble á Rede de Calor de Silleda, a primeira público-privada destas características que se executa en Galicia.

Comentarios