Silleda permitirá a compra de material coas axudas a clubes e colectivos culturais

Estas subvencións para o 2021 rondarán a cifra dos 100.000 euros ► As taxas na Escola de Música Municipal serán reducidas nun 50%
undefined
photo_camera Banda de Música Municipal de Silleda. DP

O goberno municipal de Silleda levará ao pleno da vindeira semana as bases que regularán a convocatoria para a concesión de subvencións municipais a colectivos culturais, veciñais ou de participación social e clubs deportivos. As tres liñas de subvencións, con cadansúas bases, teñen como principal novidade e con carácter excepcional a posibilidade de optar ás axudas para a compra de material tanxible ou equipamentos, dado que a situación sociosanitaria actual mermará moitas actividades e mesmo pode implicar a suspensión dalgunha delas.

Deste xeito, dende o Concello continuarase apoiando a todos os colectivos e clubs, incluso os que non puideran realizar por mor da pandemia as súas actividades habituais no último ano. A contía a repartir tamén se mantén respecto a outros anos, coa salvedade de que nas subvencións para actividades culturais, tal e como se recolleu no orzamento de 2021, as dúas bandas de música do municipio —polas súas especiais características de funcionamento— recibirán cadansúa subvención con carácter nominativo: 20.000 euros para a Banda de Música Municipal de Silleda e 15.000 euros para a Banda Recreativa e Cultural da Bandeira.

As taxas na Escola de Música Municipal serán reducidas nun 50%

Deste xeito, por concorrencia competitiva no caso das culturais serán 23.000 euros (58.000 euros en total tendo en conta as dúas nominativas). Nas axudas a colectivos veciñais e de participación social repartiránse outros 5.100 euros , igual que nos últimos anos, e tamén se mantén a contía de 35.000 euros para os clubs deportivos.

Unha vez aprobadas as bases no pleno e publicadas, realizarase a convocatoria das axudas. No caso das deportivas, está previsto que nas vindeiras semanas se elaboren bases reguladoras para outorgar axudas a deportistas individuais de Silleda. As bases quedaron dictaminadas en comisión con tres votos a favor do grupo socialista e as abstencións de PP e BNG.

TAXA REDUCIDA. Por outra banda, no pleno ordinario da vindeira semana tamén se someterá á aprobación do Pleno a modificación da ordenanza que regula as taxas na Escola de Música Municipal, con senllos centros en Silleda e na Bandeira. A modificación, que se prevé aprobar inicialmente, ten por obxecto reducir ao 50% as taxas se por circunstancias especiais —como acontenceu ca pandemia— as clases se teñen que impartir de xeito telemático.

A Policía Local denuncia a un grupo de SETE persoas que estaban a realizar un botellón no Castro de Toiriz
A Policía Local de Silleda denunciou en días pasados a un grupo de sete persoas (incluída unha menor de idade) que estaban a realizar un botellón no Castro de Toiriz, incumprindo entre outras a normativa sanitaria actual.

Así mesmo, tamén ao longo desta pasada fin de semana os axentes das forzas de seguridade do municipio, realizando as correspondentes visitas de comprobación, impuxeron denuncias a establecementos hostaleiros por exceder o aforo permitido no exterior.

Pintadas
Tamén nos últimos días foron identificadas dúas persoas en relación ás pintadas no muro exterior do campo de fútbol da Gandareira, na Bandeira, que xa foron eliminadas polo personal municipal. O acto vandálico supuxo un duro golpe e propiciou a repulsa por parte do Concello e a cidadanía.

Comentarios