Silleda, un dos primeiros concellos en aprobar axudas ao comercio local

O goberno local destinará máis de 300.000 euros ao programa 'Silleda Reactiva'
Pleno celebrado este xoves na Casa da Cultura silledense. CEDIDA
photo_camera Pleno celebrado este xoves na Casa da Cultura silledense. CEDIDA

A Corporación municipal de Silleda celebrou este xoves un Pleno extraordinario no que se aprobou por unanimidade a modificación orzamentaria por importe de 302.000 euros para destinar ás axudas do programa Silleda Reactiva. Esta cantidade pode ampliarse, como explicou o alcalde, Manuel Cuiña, noutros 200.000 euros que se extraerán doutras partidas para destinar ás citadas axudas.

Deste xeito, Silleda será un dos primeiros municipios galegos en contar cun plan de axudas directas de máis de 500.000 euros para paliar a crise económica xerada pola expansión da Covid-19.

Así mesmo, na mesma sesión -á que só asistiron sete dos 13 edís por cuestións de prevención e que se celebrou no salón de actos da Casa da Cultura- tamén sairon adiante as bases que regularán a concesión destas subvencións.

Nas mesmas, introducironse nas últimas horas cambios sobre cuestións técnicas suxeridas polos grupos municipais.

As bases establecen dúas liñas de axuda directa: unha co abono de 800 euros para os establecementos que se viron obrigados a pechar ao decretarse o estado de alarma; e outra, con 300 euros, para os que aínda podendo estar abertos reduciron a súa facturación nun 50%.

Os posibles beneficiarios (comercios, locais hostaleiros ou autónomos doutros sectores) poderán solicitar estas axudas dende o día seguinte á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra, e ata o décimo quinto día hábil posterior a que remate o estado de alarma.

Serán ademais axudas que se xustificarán a posteriori e con cuestións que se simplifican a través de declaracións responsables dos solicitantes. "Toda a documentación, requisitos, e cuestións relativas á xustificación destas axudas figuran nas bases que se poderán consultar unha vez aprobadas (foron remitidas onte ao BOP con carácter urxente ao rematar o Pleno) tanto na web municipal como no taboleiro de anuncios e o portal de transparencia da sede electrónica", indica o Concello.

"Trataremos de resolver as solicitudes á maior brevidade posible, xa que sabemos que os propietarios de establecementos e autónomos están a pasar momentos complicados por esta situación", explicou o alcalde, Manuel Cuiña.

Comentarios