"Somos un equipo cun talante distinto ó que hai gobernando"

Ignacio Maril é candidato do PP en Silleda

Ignacio Maril. FIGUEIRAS
photo_camera Ignacio Maril. FIGUEIRAS

O propio presidente provincial do PP, Alfonso Rueda, recoñecía no seu acto de presentación como candidato, hai dez días, que o partido en Silleda pasou por momentos complicados, con tres derrotas consecutivas nas municipais. Ante uns resultados nas xerais tampouco nada alentadores, como afronta o reto de tratar de recuperar a Alcaldía?
O acto do outro día foi unha demostración de que esa época está superada. A xente volve estar moi conectada co partido e eu estou moi ilusionado e contento por todo o apoio que estou recibindo da xente do partido e dos veciños.

Falando de xente conectada, ese día había entre o público xente como a exrexedora Ofelia Rey, que en 2009 se proclamou alcaldesa co apoio do PP. Segue pesando en contra do partido aquela moción de censura?
Creo que non. No seu día a situación era insostible. Era imposible gobernar un concello con tres edís, independentemente de que a opción adoptada fose a mellor. Eu aí xa non entro a valorar. Pero creo que no seu momento era un Goberno en descomposición.

Presenta unha lista cunha renovación importante. Chega aire fresco?
Si, aínda que segue habendo xente que leva traballando moi duro durante estes catro anos e outra que tamén o fixo, incluso antes, pero que non pode estar por distintos motivos. Pero si se fixo unha renovación importante.

Que novidades lle ofrece o PP a Silleda?
Somos un equipo cun talante totalmente distinto ó que hai actualmente gobernando. As maneiras destes catro anos non foron as axeitadas.Buscaron continuamente a confrontación, con prepotencia, simplemente gobernando para a súa xente, e nós entendemos que iso non pode ser. Aparte de tódalas irregularidades que fomos vendo nos últimos tempos, polas que algúns terían que ter saído do Goberno porque hai cousas que son moi difícil de explicar.

Por exemplo, quen?
Todo o tema das sociedades co concelleiro de Obras, Klaus Brey, son moi dificilmente explicables e entendibles pola xente. Que non saise do Goberno entendemos que non foi correcto, pero que repita nas listas en postos de saída dá unha idea de que hai máis do mesmo para os próximos catro anos.

É evidente a crispación existente entre o Goberno e vostede. Imaxino que as relacións non melloran no inicio da campaña...
Nós non temos ningún problema. Cando consideramos que algo non é axeitado, denunciámolo, e sempre coa documentación que nos respalda. Non dicimos algo que non teñamos perfectamente contrastado, como pasou co retraso do PXOM ou co tema das sociedades.

Cales destacaría como principais propostas no seu programa?
Silleda ten que ser un gran centro dende o cal se vertebre todo o municipio. Hai que recuperar a actividade social que foi esmorecendo estes últimos anos, coma a Romaría do Rapaz. A xente ten que ser participativa e activa dentro da vida do concello e das actividades e nós sabemos como facelo. Imos darlle responsabilidade no seu deseño á xuventude, que é o futuro. Levamos temas de voluntariado moi interesantes. E un dos primeiros puntos que incluimos no programa é mudar a forma de contratación. Faremos que sexa máis transparente. Vai saír a todo o mundo que estea interesado en participar.

Comentarios