Sorpresa en Forcarei polo aviso da Xunta sobre a falta de licenza do punto limpo

O Concello, que se expón a unha multa de 901 ata 300.000 euros, non entende que "ao longo destes anos pasara as inspeccións dos técnicos da Consellería de Medio Ambiente" ► As celebracións adicadas aos patróns foron canceladas en su formato habitual polo covid-19
Unha vista da instalación do punto limpo de Forcarei. CEDIDA
photo_camera Unha vista da instalación do punto limpo de Forcarei. CEDIDA

O punto limpo situado no Cachafeiro, que fora construído no ano 2004 con fondos da Xunta de Galicia, provocou nas últimas horas as discrepancias entre o máximo organismo autonómico e o Goberno do Concello de Forcarei, que asegura estar sorprendido pola suposta falta de licenza desta instalación, xa que ate agora pasara todas as inspeccións da consellería competente e sae reflexada con todo detalle na páxina web da Xunta.

Segundo a Consellería de Medio Ambente, este punto limpo funciona hoxe, supostamente, sen a preceptiva autorización administrativa. Así foi advertido nestes días pola propia Administración autonómica ao Concello de Forcarei.

Para o Goberno municipal deste municipio, "a comunicación resulta aínda máis sorprendente ao analizar a historia administrativa deste punto limpo, pois ao longo destes anos foi inspeccionado regularmente por técnicos da Consellería de Medio Ambiente e incluso se chegou a tramitar algunha solicitude de subvención para financiar a súa operatividade".

Dende o Concello de Forcarei sinalan que "a propia páxina web da Xunta de Galicia ten rexistrada esta instalación con todo tipo de detalles, dende a súa titularidade municipal ou incluso que fora construída pola institución autonómica, a unha detallada relación dos residuos que pode xestionar".

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, que é o departamento que remitiu o comunicado ao Concello de Forcarei, avisa que "o exercicio da actividade do punto limpo sen a correspondente autorización administrativa supón a comisión dunha infracción grave que poderá supoñer unha multa que vai dende os 901 ata os 300.000 euros".

A Xunta de Galicia esixe que se regularice a situación e matiza que o Concello ten o prazo dun mes para achegar a documentación preceptiva, que inclúe proxecto técnico, certificado de sistema de xestión ambiental, certificado de destino emitido por xestor autorizado ou seguro de responsabilidade ambiental, entre outras cuestións.

Comentarios