A primeira tenda galega 4eco, na Estrada

Sostibilidade a granel

a primeira tenda galega 4eco, na estrada ▶ Cansas de ver plástico e lixo tirados nos montes, dúas amigas abriron hai case dous meses na vila un punto de venda de deterxentes e produtos de limpeza ecosostibles. Dende entón levan recollidos 623 envases.

Loli Fernández e Ana Casal no seu negocio, situado na rúa Pérez Viondi da vila estradense. PATRICIA FIGUEIRAS
photo_camera Loli Fernández e Ana Casal no seu negocio, situado na rúa Pérez Viondi da vila estradense. PATRICIA FIGUEIRAS

TODO COMEZOU dando paseos cos seus cans polos montes da parroquia de Tabeirós, na que viven, e vendo a cantidade de lixo que había tirado. "Neveiras, electrodomésticos e plástico... canto se está xerando!". E foi así como a concienciación medioambiental destas dúas amigas, Loli Fernández e Ana Casal, se converteu no seu proxecto, de vida e laboral, ó montar xuntas a primeira e única tenda 4Eco de Galicia. O establecemento, aberto na rúa Pérez Viondi da Estrada hai case dous meses, vende deterxentes a granel e produtos de limpeza ecosostibles. "Non podemos falar de ecolóxico porque levan un transvasamento, pero aquí non se xera plástico. Reénchense os bidóns e os baleiros volven outra vez ó laboratorio", explica Loli. Dende que abriron, o 7 de decembro, levan recollidos 623 envases.

O cliente pode mercar na propia tenda o recipiente no que levar os líquidos ou traerlo da casa, reciclando algún dos que teña á man dalgunha das marcas que puidera ter adquirido en calquera supermercado. A gama que ofrece o negocio vai dende lixivia ata diferentes deterxentes e suavizantes para a lavadora, branqueantes, xabóns para o chan e a louza, quitagraxas ou produtos para limpar o baño ou os cristais. Moitos deles neutros ou perfumados no momento, a gusto do consumidor. "Son produtos que hai que usar en moi pouca cantidade porque veñen moi concentrados", indica Loli.

Teñen, ademais, cosmética, algúns elementos de hixiene persoal e un xabón potásico ecolóxico, un quitamanchas que tamén ofrece beneficios á terra, que non contamina nin dana, e que se pode empregar para o tratamento de pragas. Recoñecen estar «gratamente sorprendidas da resposta da xente», admite Ana. "É unha actividade comecial da que temos que vivir, pero, á parte, é a satisfación persoal de que a xente responda", engade. "No meu caso, o investimento neste negocio podía ir para mercar un coche, que o meu ten 20 anos, pero dedicín facelo nalgo que poida repercutir e, ó mesmo tempo, abrir un pouco de conciencia na xente. E estamos contentísimas!", insiste.

Conta Ana, nacida en Teo e casada en Tabeirós, que ten un fillo de 14 anos que padece dúas enfermidades autoinmunes. "Ten predisposición xenética, si, pero estou convencida de que detrás da pandemia de enfermidades que temos, tanto autoinmunes como cancros, está a contaminación ambiental; o que comemos e os tóxicos ós que estamos expostos. Detrás da cosmética e dos produtos de limpeza hai cantidade de substancias químicas". Din non ser "biólogas, nin químicas nin médicas", pero entre este último gremio hai profesionais na Estrada que xa recomendan os seus xabóns e cremas de carité.

O tipo de cliente que entra neste comercio estradense é moi variado. O primeiro día achegouse unha veciña de 76 anos, co seu carro, coa compra feita e os seus envases baleiros para reencher de lixivia, deterxente e outros produtos de limpeza. As propietarias tiveron "esa sensación de dicir: parece que hai conciencia!", reflexiona Ana. E, mentres o conta para esta reportaxe, entra outra clienta, da empresa que xestiona a piscina climatizada da Estrada. "Para nós, en relación calidade- prezo hai unha diferenza abismal, e valoramos tamén o feito de tela preto, sen ter que agardar pedido", recoñece mentres é atentida.

CAMPAÑA NO RURAL. A intención de Loli e Ana é expandir a súa filosofía entre a veciñanza, dende cativos a maiores. Teñen previsto organizar varias actividades en colexios e tamén convocar a asociacións das parroquias para "explicar cales son os efectos do plástico e que medidas podemos tomar; como podemos poñer o noso gran de area para cambiar as cousas", sinala Ana, administrativa de profesión. A súa socia Loli é enfermeira.

"A xente pregúntanos se nos volvemos ecoloxistas. Nós non o eramos, pero infórmaste e ves que, realmente, hai que tomar cartas no asunto", argumenta, convencida, Ana. Na súa clientela comezan a ter un grande aliado. Maiores e novos, sobre todo estes últimos a través das redes sociais, estanlles demandando información e mesmo recomendándolles que amplíen a súa gama de produtos con outros tamén ecosostibles ou ecolóxicos.

Cepillo de bambú e pasta de carbón vexetal e coco
"Foi a filla de Loli, que é unha moza, a que dixo que tiñamos que traelos" e, dende entón, na tenda venden cepillos de dentes de bambú antibacterianos e con fribras de nylon libre de bisfenol A. É un dos produtos que están tendo gran demanda entre os que apostan por manter unha hixiene corporal a base de elaborados sans e sostibles.

O complemento, que tamén despacha o comercio estradense, é unha pasta de dentes de carbón vexetal e aceite de coco libre de plásticos, unha composición de cor grisácea que, curiosamente, é un branqueante natural. "Os nosos antergos tiñan moita imaxinación e moita cultura de coidar o planeta e nós iso perdémolo", lamenta Ana.

Comentarios