
Ao restaurador Guillermo Rodríguez Rodríguez quédalle por diante a limpeza e conservación da pedra, a recreación do esmoleiro e a reintegración cromática da inscrición exterior que da conta do encargo realizado en 1832 por don Pedro Porto Caride. A reprodución do enreixado posterior será executada polos metalisteiros Lago Monroy, especializados en restauración destes elementos históricos.
Este peto de ánimas ubicado no núcleo urbano de Soutelo de Montes instalouse orixinalmente na actual Praza dos Gaiteiros, por aquel entón chamada campo da feira, pero na década dos anos sesenta do pasado século XX foi trasladado ao seu emprazamento actual no contorno da estrada nacional.
As marcas dos canteiros aínda presentes nas súas pedras e as súas grandes dimensións convérteno nun dos máis importantes da comarca da Terra de Montes, onde se poden apreciar numerosos esmoleiros e petos de ánimas, así como cruceiros traballados polos mestres canteiros locais recoñecidos en toda a comunidade autónoma galega.
Con esta intervención, o Concello de Forcarei pon ademais en valor un elemento que representa un fito nas dúas rutas xacobeas que pasan polo termo municipal, o Camiño Xacobeo da Geira e dos Arrieiros e o Camiño Miñoto-Ribeiro, un punto no que habitualmente se fan fotografías os peregrinos e as peregrinas que percorren estas rutas.
Os traballos teñen un importe de 4.907,57 euros (IVE incluído) e serán financiados integramente pola Deputación Provincial de Pontevedra e contan con autorización da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia. Foron adxudicados a Guillermo Rodríguez, de Renovatio S.L., cunha dilatada traxectoria de actuacións en monumentos protexidos como a Catedral de Santiago, a Catedral de Tui ou as Termas de Caldas de Reis.