Un spa urbano único no corazón da Estrada

Lucía Jorge e Lurdes Regengo puxeron en marcha un servizo de benestar exclusivo para gozar só ou en parella
Lucía Jorge e Lurdes Regengo, no seu local Zen Espazo de Benestar. PATRI FIGUEIRAS
photo_camera Lucía Jorge e Lurdes Regengo, no seu local Zen Espazo de Benestar. PATRI FIGUEIRAS

O concepto do benestar e da estética está a experimentar un forte crecemento, pero as estradenses Lucía Jorge e Lurdes Regengo, especialistas no sector, decidiron ir máis aló e abriron no pasado mes de abril Zen Espazo de Benestar na Praza de Galicia (A Estrada). Trátase do primeiro spa urbano cun novo concepto que hai "en toda a comarca", segundo Lurdes.

Lucía Jorge explica que "temos un servizo de spa completo para unha persoa ou para parellas", de feito, esta opcion é un dos seus atractivos, xa que ofrecen unha cabina de sauna só para parellas (ou uso individual), ao igual que os tratamentos personalizados.

Os usuarios que se acheguen ata este espazo de benestar poden vivir unha "ducha sensorial, pediluvio, sauna e tres chorriños de diferentes alturas", asegura Lucía. A continuación, pódese gozar dunha masaxe. Nesta opción, hai "masaxe tailandés, sen aceite, masaxes de pedras quentes, iurvédico ou hawaiano, que se fai cos antebrazos e, por suposto, masaxes en parella". Todo iso sempre con produtos saudables e respetuosos, segundo afirman estas emprendedoras estradenses.

Tódolos tratamentos son personalizados de maneira que hai opcións para embarazadas, premamá, posparto e masaxes do mundo. De ahí que o obxectivo de Zen Espazo Benestar sexa o de adaptarse ás circunstancias de cada un, sen ofrecer paquetes de beleza xa establecidos. O resultado é que "a xente sae encantada", afirma Lucía.

Ámbalas dúas compaxínanse moi ben, xa que Lurdes encárgase máis da parte de perruquería e estética, mentres que Lucía dedícase ao spa e a maquillaxe. Aínda que só levan medio ano, aseguran que o seu negocio está tendo "moi boa aceptación".

Pero, cal é o segredo do seu éxito? Podería ser o feito de que traballan con produtos naturais e orgánicos, sen ningún tipo de aparello e cunha posibilidade, a de estar ti só ou coa túa parella nun spa "personalizado" e recibir un tratamento capilar nun espazo individual. "Temos dous en un: perruquería e spa", afirma Lucía.

Lucía e Lurdes atopáronse xuntas no camiño profesional hai anos e malia que Lurdes rexentaba a perruquería Xeloira, tiña claro que quería dar un paso máis aló e coa experiencia de Lucía noutros spas decidiron dar o salto.

Actualmente teñen diferentes promocións en marcha. Así, ademais da masaxe en parella, en Zen fan tratamentos para a caída capilar estacional, de radiofrecuencia facial... E incluso actividades máis aló do centro relacionadas co benestar como un taller Beeko Cosmetics para aprender todo sobre cosmética natural o 18 de novembro e o día 19 un roteiro cunha herbalista na busca de herbas para aprender das súas propiedades.

Nun futuro, Lucía e Lurdes teñen posibles proxectos como a posible colaboración con establecementos hoteleiros. A súa única idea é vivir do que lles apasiona e facerlles a vida un pouco máis agradable aos demais coidando do corpo.

Comentarios