A historia do Club Náutico Umia converteuse nun continuo exercicio de supervivencia, nunha lección de equilibrismo para seguir a flote en Caldas. As limitacións que afectan á entidade puxérona contra as cordas, pero co traballo coa directiva e a motivación dos compoñentes do equipo sénior, esta entidade adicada ao kaiak polo segue adiante.
O club tan só ten un equipo constituido, o primeiro conxunto de categoría sénior. Nada en 1998, a entidade sempre foi un referente da actividad no ámbito galego. O kaiak polo non é unha das modalidades deportivas máis populares, nin máis practicadas de España, pero é sen dubida un deporte ben entretido para os practicantes, xa que mestura a forza e pericia que require o uso da piragua, coa técnica e precisión dos deportes colectivos de balón.
Actualmente, o CN Umia ten a 9 padexeiros no plantel sénior. Ademais, conta cunha media ducia de rapaces menores de 18 anos que asisten aos cursos formativos. A pandemia foi un elemento que limitou as posibilidades de expansión e crecemento do club, "a xente animouse menos", aclara a ese respecto o presidente da entidade, Manuel Rodríguez, que leva vencellado ao club desde que se fundou hai 23 anos.
A baixada de caudal e a alga invasora impiden rematar os cursos formativos de verán
Non obstante, o grande hándicap ao que se enfronta a diario é a falta de instalacións. O río Umia dispuña dunha pista ao seu paso polo centro da vila de Caldas, para levar a cabo partidos, adestramentos e cursos formativos para novas xeracións.
Con todo, a baixada do nivel do río, sumado a presenza de alga invasora, imposibilitan o desenvolvemento da actividade durante os meses centrais do verán. E iso non deixa de ser un grave prexuizo para a entidade nun momento chave do ano, cando se levan a cabo os cursos de verán, o proceso de captación de rapaces. O club viuse na obriga de suspender eses cursos a metade do seu desenvolvemento, co agravio para os usuarios e para a entidade na súa intención de meterlle o deporte no corpo ás novas xeracións.
Por cuestións ecolóxicas, as posibilidades de dragar o río para poder liberarse da alga invasora quedaron desbotadas por parte de Augas de Galicia. Consecuentemente, a situación no Umia ten mala solución.
A entidade comezará a competir nas próximas semanas na Segunda Nacional
PORTAS. A piscina de Portas estase a converter na alternativa para a práctica. A proximidade xeográfica (concello limítrofe) facilita o desprazamento dos deportistas, ademais de que o interior ofrece a posibilidade de duchas e espazos para mudar de roupa antes de comezar coas sesións.
O equipo sénior vai reanudar a competición de nas próximas datas. O conxunto compite no ámbito nacional, na Segunda División. De tal maneira, ten que levar a cabo catro desprazamentos ao longo do curso para poder xogar as catro xornadas previstas: unha en Pontevedra, outra en Madrid, outra en Valdepeñas e outra en Arcos de la Frontera (Cádiz).
O obxectivo competitivo do club está unido ao obxectivo de viabilidade. E ese pasa pola unión de novos rapaces á disciplina. Nese senso, a presenza a dous kilómetros do centro de Caldas da piscina na que se desenvolven os adestramentos e os cursos que leva a cabo a entidade, vai ser un elemento vertebrador de futuro que permitirá o crecemento do club.
Se é quen de afianzar a presenza de mozos no club, a intención do CN Umia é dispoñer dun equipo de categoría sub-16 que poida participar nalgunhas competicións nacionais ao final do verán.
Porque, ademais de divertido, o kaiak polo non deixa de ser un deporte que é seña de identidade de Caldas e non debe perderse.