Susana Aguiar: "Hai que estudar para quedar, non para marchar"

Enxeñeira industrial, en 2015 decidiu volver á explotación gandeira da súa familia en Rodeiro e darlle unha volta. Hoxe a fundadora de Kalekói comercializa iogur, leite e kéfir. E quere sacar máis cousas.
Susana Aguiar (Rodeiro, 1984). CEDIDA
photo_camera Susana Aguiar (Rodeiro, 1984). CEDIDA

Por que foi que estudou Enxeñería Industrial?
Eu son dun lugar moi pequeno do interior de Galicia, onde había moi poucos nenos, e pasaba moito tempo cos meus pais e cos meus avós. E meu pai, á parte de ser gandeiro, tamén era mécanico. Eu pasaba moito tempo atrás del e foi aí seguramente onde espertou a miña curiosidade por saber o que hai no interior de todos os trebellos. Nos anos nos que houbo que tomar unha decisión sobre que facer no futuro non pasaba pola miña cabeza a idea de continuar coa gandeiría, que era a actividade da que vivía a miña familia. A enxeñería chamábame e acabei estudando Enxeñería Industrial na Universidade de Vigo. Que pasou? Que despois de traballar uns cantos anos como enxeñeira non me atopaba satisfeita. Aí foi onde pasou pola miña cabeza a idea de emprender en algo.

E decidiu volver á casa.
Empecei a buscar algo que me diferenciase do resto dos meus compañeiros de enxeñería. Decateime de que eran as miñas raíces. Viña do mundo gandeiro e pensei que podía aplicar todos os meus coñecementos a ese mundo.

Houbo que enfrontar cambios moi grandes á explotación?
Si, si que houbo. Nesta industria o que se prioriza é producir moita cantidade e barato. Había que darlle unha volta a iso. Nós o que queriamos era saír ao mercado cun produto moi diferenciado e de calidade. O principal cambio produciuse na alimentación do noso gando. Anos despois foi cando demos un paso máis nese sentido cun estudo xenético e cunha selección de vacas para sacar a gama de produtos elaborados só con leite A2.

A muller, dende sempre, foi un piar fundamental das gandeirías en Galicia, o que pasa é que estaba en segundo plano

Que é o leite A2?
Os leites de vaca están compostos por dúas clases de proteínas, a A1 e a A2. Segundo a xenética da vaca, pode dar leite só coa proteína A2, que a fai máis asimilable polo corpo humano. Dixírese mellor e evita esa sensación de inchado ou pesadez que moitas veces se ten, sen ser intolerante á lactosa.

Por que lle chamaron Kalekói?
Queriamos que fose un nome que chamase a atención e que nos identificase. Kalekói era o nome que recibía o norte da Península Ibérica cando era territorio celta. Gustounos porque servía para identificarnos coa volta á orixe da actual Galicia e coa nosa volta particular ao mundo do rural.

Que foi o máis difícil á hora de poñer a andar a marca?
O que segue a ser o máis difícil hoxe, facerte un sitio, encontrar un oco. Porque este é un mercado moi maduro, con marcas moi recoñecidas e de moitos anos, e tradicionalmente moi competitivo nos prezos.

Cantos produtos desenvolven hoxe?
A día de hoxe temos toda unha gama de iogures. Ademais do natural, que é o máis coñecido, temos iogures de froitas, como o que leva arandos, o que leva amorodos, o que leva vainilla e, incluso, un que leva castañas. Por outra banda temos kéfir e leite pasteurizado. Polo que máis se nos coñece é polos iogures. Son os únicos galegos elaborados con leite A2 e que ademais teñen o selo de Artesanía Alimentaria, que garantiza que seguimos procesos tradicionais e respectamos a nosa principal materia, o leite. Non engadimos natas, nin leite en po, nin sequera desnatamos.

Gustaríalle lanzar máis? Ou buscan quizais unha estabilidade?
Nós somos de cu inquedo. O que pasa é que tamén temos que lanzar produtos capaces de encaixar no mercado. O último que sacamos é un kéfir bebible que está en Eroski e que esperamos que pronto estea en Gadisa. E antes de final de ano algunha nova invención sacaremos seguramente.

O sector lácteo considerouse tradicionalmente un sector masculinizado. É así?
Esa afirmación é un pouco confusa, porque os que vivimos no medio rural sabemos que non é así. A muller, dende sempre, foi un piar fundamental das gandeirías en Galicia, o que pasa é que sempre estivo nun segundo plano. Nunca foi a cabeza visible. Afortunadamente e pouco a pouco está cambiando. Na gandeiría e noutros sectores. A sociedade empéñase tanto en clasificar a mulleres e homes que iso nos leva moitas veces a ter medo a dar o paso. Eu teño que dicir que nin como enxeñeira, nin como gandeira, nin como empresaria, sentín discriminación. Probablemente é algo que lle debo a meus pais, que me educaron en igualdade. Xa medrei tendo na cabeza que as cousas non son cuestión de xénero.

Seus pais non eran dos que dicían que había que estudar para marchar?
Quizais non tanto meus pais como a xeración anterior, que foi a que tivo que pasar moitas. Naqueles anos o mundo rural era moito máis duro. Non quere dicir que hoxe non o sexa, pero pouco a pouco foise profesionalizando. A día de hoxe eu diría que hai que estudar para quedar, non para marchar.

Que opina das protestas que está a protagonizar nas últimas semanas o sector agrícola?
Sería moi importante aclarar, primeiro que nada, que os agricultores e os gandeiros somos os primeiros interesados en coidar os nosos recursos naturais. Eu penso que as peticións que se están facendo para que os produtos importados deban cumprir as mesmas condicións que os produtos nacionais é algo que beneficia tanto a gandeiros e agricultores como aos consumidores finais. É unha reclamación moi entendible. O mesmo polo que se refire á lei da cadea alimentaria. O seu cumprimento benefícianos a todos.

Comentarios