O tanque de tormentas de Lalín debe completarse coa ampliación da depuradora

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, visitou a obra, que está ao 30%, e anunciou o investimento complementario ata os 16M€ ► O tanque de tormentas terá unha capacidade de 5.000 metros cúbicos e vai semisoterrado, o que permitirá o baleirado por gravidade, sen bombeo ► Lévase executado o 30% da obra, que se rematará en verán de 2024

Ethel Vázquez Lalín
photo_camera A conselleira,no transcurso da visita. PATRI FIGUEIRAS

As obras do tanque de tormentas de Lalín, ao 30% de execución e que rematarán no verán, completaranse coa ampliación da depuradora, sumando un investimento global de 16M€.

Así confirmou a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, que, xunto co alcalde de Lalín, José Crespo, supervisou a marcha dos traballos que está a executar a Xunta para mellorar o saneamento da vila.

A execución dun novo tanque de tormentas e dos colectores interceptores na contorna do río Pontiñas, permitirán acadar un funcionamento da rede de saneamento máis eficiente, aoaumentar a capacidade da rede, renovando a rede de colectores interceptores das marxes do río e construíndo un tanque de tormentas que reterá as augas cando haxa episodios de chuvias.

Neste momento constrúense catro treitos principais de colectores, ademais de pequenos treitos de entronque coa rede actual. Eses treitos principais execútanse na marxe dereita e esquerda do Pontiñas, tamén para recoller as augas residuais da zona Sur e levalas ao tanque de tormentas, ademais do colector que recollerá as augas da rede de Donramiro.

O tanque terá unha capacidade de 5.000 metros cúbicos e vai semisoterrado, o que permitirá o baleirado sen bombeo. Nun edificio auxiliar instalarase un pretratamento para o caudal que non poida derivarse á depuradora directamente. Na actualidade estase a traballar na construción dos colectores interceptores, que obrigará, despois, a unha reposición integral das sendas fluviais. Estas intervencións serán completadas cun traballo de integración paisaxística, con árbores autóctonas e habilitase un parque infantil con distintos xogos que serán unha homenaxe ao cocido.

Ethel Vázquez Lalín1
As obras, no entorno do río Pontiñas. A conselleira,no transcurso da visita. PATRI FIGUEIRAS

Do mesmo xeito, subliñou que para acadar os resultados establecidos no Plan Director de saneamento de Lalín, as obras teñen que ir ligadas á ampliación da capacidade da Edar, para que poida xestionar o volume de auga residual retido nos episodios de choiva. Así, avanzou que en maio se iniciou a redacción do proxecto para a mellora da Edar da Corredoira ao que se destina 185.000€ e que estará rematado na primavera. Ese traballo determinará a conveniencia de ampliar a depuradora ou de construír unha nova, o que suporá un investimento estimado que roldará os 10M€, xa planificado para o vindeiro período de fondos europeos.

Comentarios