"Temos moita falta de falar"

MÁIS CA UNHA MASAXISTA ▶ Pedras de río, barras de xofre ou romeu macerado en aceite de oliva son algúns dos elementos de traballo do centro de masaxes que Isabel García ten na parroquia estradense de Riobó. Sabedoría popular e natural sobre a que segue investigando.

García amosa o aceite con romeo, as pedras, o licornio e os libros que emprega no seu centro. PATRICIA FIGUEIRAS
photo_camera García amosa o aceite con romeo, as pedras, o licornio e os libros que emprega no seu centro. PATRICIA FIGUEIRAS

"A xente coñéceme como masaxista, pero tamén fago depilacións, pedicuras e limpezas de cute, entre outras cousas, e estoume formando en Reiki. Todo o relacionado co corpo e a mente gústame". É a carta de presentación de Isabel García Fernández, natural do municipio coruñés de Brión pero residente na parroquia estradense de Riobó dende que casou, hai case 21 anos. Alí, no domicilio familiar, montou o seu propio centro de masaxes, ó que acode xente da zona, pero tamén doutros puntos como Santiago ou A Coruña. "Apostei polo rural porque son unha namorada de todo o que ten que ver con el", explica.

Nas súas sesións emprega elementos da natureza, moitos deles recollidos do seu entorno, e reporta a quen se pon nas súas mans benestar físico, e tamén, dalgún xeito, psíquico. "Como falo tanto creo que a xente vén aquí moito polo que lle converso, e pola masaxe tamén, claro", apunta bromeando. "Hai xente que necesita falar e marcha daquí aliviada", sinala. Non é psicóloga, nin moito menos, pero atende con atención a quen se deita na súa "camilla" e lle conta os seus males mentres ela masaxea. "Por desgraza, hai moitos casos de ansiedade, pero iso cúrase, en gran parte, falando. Temos moita falta de falar e de que nos escoiten. Somos cada vez máis individualistas", di.

García formouse primeiro en estética, aprendendo a facer masaxes básicas, e "o boca a boca" fixo que cada vez fosen (e sexan) máis as persoas que acoden ó seu centro. Logo especializouse en quiromasaxe pola Universidad Miguel de Cervantes e realizou un curso de prevención de dores de costas. Nunha academia privada acadou o título de Especialista en Rehabilitación Deportiva. Continuou formándose en técnicas de Reiki e plantas medicinais.

Agora ten a macerar romeu con aceite de oliva para empregar con persoas que padezan dores musculares e articulares. "A receita deuma unha señora maior", sinala.

Outro coñecido recomendoulle as propiedades das pedras de xofre, que ela pasa polo corpo dos seus clientes "para sacar as enerxías electromagnéticas" coma as dos teléfonos ou os ordenadores. "A barriña dá estalidos cando a pasas e, se se carga moito, chega a romper", asegura. Outra clienta de Vigo con casa en Riobó levoulle pedras dun río que desemboca no mar e que agora ela emprega nas súas terapias. "Métoas en auga quente e pásoas polo corpo porque a pedra ten o poder de absorber moita enerxía mala e o noso xen primitivo quere encontrarse sempre co natural. Estamos cansos de tanto plástico e de tanta contaminación e creo que o corpo pide iso", afirma.

Outra técnica que Isabel tomou dos antergos é a utilización da pedra de cuarzo como pararraios. "Sacábase ás fiestras e ás portas porque se pensaba que con iso se espantaban", apunta. Tamén emprega o licornio, un corno que "na medicina máxico-medicinal serve para cortar a pezoña", di. "Nas miñas terapias vexo o resultado de todo isto. Eu fágoo sempre pensando en facer o ben, pero respeto as opinións e crenzas de todo o mundo", matiza.

MÁIS DE 2.000 LIBROS. Coidar a mente é coidar o corpo. Así é que na súa casa Isabel conta cunha biblioteca formada por máis de 2.000 libros de diferentes temáticas, moitos deles antigos. Na súa teima por non esquecer o pasado, está realizando un traballo de investigación sobre a historia, as lendas e as tradicións de Riobó e doutras parroquias limítrofes coma Oca ou Berres. "Teño ós veciños acribillados a preguntas!", di, porque son eles, os máis maiores, a súa principal fonte de información.

"Nos montes hai pedras moi interesantes". Menciona os "Marcos con R", chanzos puntiagudos que, ó parecer, mandou colocar o rei (de aí a marca da "R") para sinalizar as zonas de pasto afectadas pola pezoña que, dicían, deixaban as cabras, que secaban o terreo. "El doaba os cartos para repoboar con carballos e castiñeiros". Engade que "hai outra, a Peneda do Rei, pero non dei averiguado por que lle chaman así". Con todo, seguirá pescudando. "Eu doulle moito valor a Riobó porque comecei de cero aquí. Se cadra, o que estivo aquí de sempre non lle da tanto", sinala.

Comentarios