Avelino Souto Rozados, campión nacional de manexadores

"Teño claro que quero quedar na casa traballando coas vacas, que é onde me sinto máis cómodo"

Este lalinense é presidente do Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia, campión nacional de manexadores e secretario xeral de Novas Xeracións de Pontevedra. Vén de participar na Jornada de GeneradorES, impulsada por Coca-Cola, sendo o único mozo galego dos 25 participantes. É un firme defensor do rural.

Avelino Souto, na explotación familiar Ganadería Midón, en Barcia. B.P.
photo_camera Avelino Souto, na explotación familiar Ganadería Midón, en Barcia. B.P.

Ten 20 anos e estuda Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal. En canto remate a formación, o próximo ano, ten moi claro que se incorporará á explotación leiteira dos seus pais. A súa vocación vénlle dende cativo, cando era frecuente velo nos certames de gando paseando as vacas. Precisamente, hai pouco máis dun mes gañou en Gijón o Campeonato Nacional de Manejadores Conafe 2018, na categoria sénior, premio que xa acadara en 2013 e 2016.

Por que segue sorprendendo que un mozo aposte pola gandaría?
Non debería sorprender, e máis estando en Galicia. Se hoxe en día temos máis de 8.000 explotacións de leite, máis as de carne, sería normal que tódolos anos houbera unha incorporación de mozos ó rural realmente importante, como acontece en Canadá ou Francia. Supoño que sorprenderá por ese concepto que hai de que quedar no rural é ser menos, que é a última opción ou que se estás na gandaría é porque non atopas traballo noutro sitio.

E por que quedar no rural?
Non che sabería dicir por unha cousa concreta. Nacín aquí e nunca pensei outra cousa. Teño claro que quero quedar na casa traballando coas vacas, que é onde me sinto máis cómodo. Ir para o traballo e non ter que estar mirando para o reloxo; que non che preocupen as horas que lle dediques é algo fundamental.

A gandaría tense por un dos trabalos escravos, con dedicación as 24 horas dos 365 días do ano. Non lle frea iso?
Antigamente era así; non había outra opción. Era unha economía moito máis de subsistencia. Meus avós tiñan dez vacas e se facían para eles, xa moito era. Hoxe en día, evidentemente, non podes marchar un mes de vacacións nin quince días, pero si ter días soltos se te organizas. Aínda que o meu obxectivo non é muxir 500 vacas, toda a tendencia vai a que as granxas sexan cada vez máis grandes e ten que haber unha planificación para que ti poidas marchar da explotación, que non quere dicir que desconectes.

"En Canadá vin un mundo cinco pasos por diante de España, uns gandeiros orgullosos e un relevo xeracional incrible"

Acaba de proclamarse por terceira vez campión nacional de manexadores, técnica sobre a que se foi formar a Canadá o ano pasado. Como foi a experiencia?
Canadá é o gran berce dos concursos de manexadores e sempre tiven a ilusión de ir alá. Estiven cinco meses. Foi todo formación non regrada, pero a nivel deste tipo de concursos vin un mundo cinco pasos por diante de España, vin outro sistema de producir totalmente diferente ó de aquí que, seguramente, non sexa estrapolable, e vin unha sociedade e uns gandeiros súper orgullosos de ser gandeiros e un relevo xeracional incrible. É impresionante a de xente nova que hai arredor das vacas, cousa que non hai aquí. Rapaces de cinco e seis anos, orgullosos, dicindo que queren ser gandeiros coma seus pais.

Como lle pasa a vostede...
Exacto, pero non é o habitual. Alí os fillos case pelexan por quedar na casa. A familia coa que eu vivín tiña tres fillos e os tres están traballando coas vacas.

Que hai que facer para que iso aconteza aquí?
Creo que pasa por moitos ámbitos, pero o principal, polos gandeiros. Que se sintan orgullosos e que non lle digan ós fillos "estuda que esto non vale para nada, non quedes aquí". Se ti transmites iso á sociedade esta recibe algo negativo. Que digan "meu pai é enxeñeiro; pois o meu é gandeiro, e que pasa? O meu alimenta o mundo, non?".

Outra das súas facetas é a política. Acaba de ser elixido secretario xeral de Novas Xeracións en Pontevedra e está implicado co proxecto do PP en Lalín. Cales son as súas aspiracións neste eido?
Uff (ri). Esta si que é unha pregunta complicada e quizais sexa a primeira vez que ma fan. Eu non era nin do PP nin doutro, pero foron pasando certas cousas que me levaron a querer involucrarme, polo ben da gandeiría e de todos. Estou bastante en contra do Goberno de Lalín, xa antes de meterme en política. A raíz diso, foi cando me metín, por bastante descontento e porque en certas cousas estou de acordo co ideario do PP de Lalín.

Pero non respondeu á pregunta. A que aspira?
Verémolo nos postos altos da lista de José Crespo? Dubido que mo pidan porque hai xente moi válida. E, se se dera a hipotética casualidade, sería algo que tería que pensar e falar coa miña familia. Non teño ningunha aspiración en política. Teño claro que o rural e a gandaría para min están por enriba da política.

Comentarios