Os titulares das parcelas de Godos son autorizados a acceder aos predios

A Consellería de Medio Rural fixa o permiso para o 15 de novembro, mentres o alcalde de Caldas de Reis mostra a súa satisfacción, ainda que "nos gustaría que o proceso fora máis axil"
2020081812145245505
photo_camera A reunión de entrega de títulos celebrada onte na vila de Caldas. CEDIDA

O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, o concelleiro de Medio Rural, Juan Carlos Ortigueira e o concelleiro, Jacobo Pérez, participaron na mañá do luns nunha reunión que fora convocada pola Consellería de Medio Rural para informar aos membros da Xunta Local da parcelaria de Godos.

Nesta xuntanza os técnicos da Xunta de Galicia, ademais de atender as dúbidas e suxestións dos propietarios, explicaron aos participantes os avances no proceso de concentración parcelaria que afecta a esta parroquia do Concello de Caldas de Reis. O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, vén de autorizar a toma de posesión provisional por parte dos veciños e veciñas dos terreos, o que lles permitirá acceder aos predios de reemprazo dende o próximo 15 de novembro.

A reestruturación parcelaria da parroquia de Godos beneficia a 599 propietarios, que contaban ao inicio do proceso con 3.548 parcelas, nunha superficie total de 388 hectáreas. A día de hoxe hai 1.159 predios de reemprazo, cun redimensionamento que lles permitirá aos titulares facer os seus terreos máis operativos e competitivos.

A Xunta de Galicia, a través da súa Consellería do Medio Rural, leva investidos un total de 2,8 millóns de euros neste proceso, contemplando tanto os traballos nas redes de camiños principais e secundarios (de case 30 quilómetros de extensión) como o acondicionamento de predios, xunto coas asistencias técnicas necesarias para levar adiante a reorganización.

O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, mostrou a súa "satisfacción por este importante paso" de cara a finalización da parcelaria da parroquia de Godos, a pesar, engadiu, "dos moitos anos que leva en marcha e de que nos gustaría que o proceso fose máis áxil".

Según apunta o rexidor do municipio caldense, "o acceso aos predios é moi importante para os veciños e veciñas malia o atraso que acumula a parcelaria, porque servirá para continuar poñendo o rural en valor e xerando novas oportunidades vinculadas ao medio rural".

Comentarios