O Umia clama en Caldas polo segundo médico do seu PAC

Centos de persoas acudiron á convocatoria do BNG reclamando a devolución do servizo para os veciños de Moraña, Portas, Cuntis e Caldas
A concentración celebrada este domingo ante o PAC, na Avenida Román López. R. FARIÑA
photo_camera A concentración celebrada este domingo ante o PAC, na Avenida Román López. R. FARIÑA

Entre 45 e 50 quilómetros. Esa é a distancia que ten que facer calquera paciente que teña unha urxencia en Caldas, Cuntis, Moraña ou Portas e que non encontre titular facultativo no PAC de Caldas, onde veñen de perder a un dos dous titulares do servizo por mor da aprobación dun novo Plan Funcional para o centro.

Deste xeito, na actualidade, hai franxas da quenda de tarde que quedan sen facultativo e o centro, afirma o BNG, pasa tamén algunhas noites sen dispor de médico titular. Esa distancia, e a inseguridade sobre se serán atendidos xa en Pontevedra no PAC da Parda ou en Montecelo é o que está xenerando gran malestar nos concellos afectados, onde non dudaron en secundar, este domingo a mediodía, a protesta convocada polo BNG para reclamar a devolución do servizo ao seu estatus anterior.

Na concentración non faltaron os representantes do BNG de Caldas, Moraña e Portas, así como a representación dos responsables autonómicos Montse Prado e Luís Bará. Ademais tamén acudiron concelleiros do Goberno a título particular, despois de que o propio alcalde, Juan Manuel Rey, anunciase o seu respaldo a esta protesta convocada polos nacionalistas, malia a que non puido asistir por estar cumprindo o illamento prescrito por estar pasando o covid-19.

O reponsable do BNG de Caldas, Manuel Fariña, cifrou a cantidade de asistentes en torno ás cincocentas, e afirmou que "a nosa demanda non quedará aquí: os deputados autonómicos xa nos confirmaron hoxe que este asunto será obxecto dunha interpelación no Parlamento, e nós, pola nosa banda, seguiremos na loita no eido municipal para conseguir a unanimidade política que nos permita reclamar desde o Concello que se nos devolva este segundo médico", afirmou.

Comentarios