Potenciar o turismo ecuestre e de interior, dar a coñecer a cultura e tradición rural, así como visibilizar as potencialidades dos distintos Camiños de Santiago, son os obxectivos das rutas cabalares que dende fai tempo organiza a Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo. Unha iniciativa que cobra cada vez máis adeptos e que promove un turismo familiar, animalista e en contacto coa natureza.
O colectivo de veciños e veciñas de Sabucedo comezou con esta promoción do turismo de interior e ecuestre -antigamente máis orientado aos varóns pero que hoxe en día practican tanto homes como mulleres- xa fai anos, facendo unha ruta polas aldeas colindantes de Sabucedo nas que se xuntaban uns 150 cabalos.

Pero a ambición por potenciar a súa tradición e a súa cultura foi a máis, e estos pequenos traxectos convertéronse de seguido nunha ruta que uniu a costa -concretamente Pontevedra- con Sabucedo.
É que é ben sabido o impacto económico positivo que supoñen as rutas peregrinas, alá por onde pasan. Así, unha maneira de diferenciarse e aproveitar a estreita relación que une a Sabucedo co mundo do cabalo foi realizar unha Ruta Cabalar que percorrera o traxecto do camiño da Geira e dos Arrieiros. Este roteiro foi realizado en agosto do ano 2022 por 15 amazonas e xinetes de contrastada experiencia, xa que é un percorrido non apto para cabaleiros pouco iniciados. A peregrinación, organizada pola Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, foi dirixida por Vicente Pereiras Marquez, que é unha das persoas mais experimentadas en Galicia neste tipo de eventos, xa que leva seis anos organizando a Ruta Cabalar Salnés-Terra de Montes, a Ruta de Sabucedo, así como diversas peregrinacións a cabalo por diferentes camiños xacobeos, como a que no ano 2017, organizada polo colectivo da parroquia estradense en colaboración con Codeseda Viva, xuntou dez xinetes e amazonas, os cales realizaron unha ruta parcial polo indicado Camiño con saída en Portela de Homem (Portugal) e chegada a Santiago de Compostela.

Finalmente, a pasada Semana Santa, tamén organizados pola Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, e dirixidos por Vicente Pereiras, unha ducia de xinetes e amazonas saíron o Xoves Santo da localidade de Salvaterra de Miño para chegar o Domingo de Pascua á capital compostelá, sendo os primeiros peregrinos en facer completo o Camiño de Taverneiro, unha ruta xacobea que segue os pasos de Ignacio Taverneiro, un peregrino "pobre de solemnidade" que faleceu na Estrada no ano 1784 durante a viaxe de regreso da súa peregrinación a Santiago.
Tanto o Camiño da Geira e dos Arrieiros como o Taverneiro discorren a escasos 500 metros de Sabucedo, onde hai un albergue municipal enfocado ao turismo hípico. A Asociación Rapa das Bestas considera que estas iniciativas e os camiños de peregrinación a Santiago poden contribuír á creación de postos de traballo e ao asentamento de novas familias no rural, loitando así contra o despoboamento no interior de Galicia.