Uns tomates de máis dun quilo sorprenden os seus donos en Silleda

Os donos da horta din que non aplicaron ningún coidado especial a estes tomates, que foron mercados nun invernadeiro de Lamela 
Os tomates. TVG
photo_camera Os tomates. TVG

María Dolores e Álvaro, nai e fillo, teñen unha pequena horta na parroquia de Cira, en Silleda.

Segundo informa a TVG, este ano levaron unha gran sorpresa ao ver o tamaño dos tomates que cultivaran. "Foi unha planta que mercamos no invernadoiro de Lamela", conta Álvaro Mosquera, un dono da horta onde medraron os tomates. "Collín 7 ou 8 porque a muller me dixo que era dun quilo. Púxenos con abono das ovellas, e nada máis. Anos atrás, tivemos cebolas de cerca dun quilo e cabezas de repolo, todo collido do mesmo invernadoiro", engade María Dolores Brei, a dona da horta.

Álvaro e María Dolores din estar sorprendidos porque tampouco aplicaron ningún coidado especial, de feito nin sulfataron, e aínda así, saíron uns tomates de máis dun quilo e moi saborosos. "Pesan máis dun quilo douscentos todos. Pode haber algún de 600 ou 700, pero moi poucos", di María Dolores. "Están bos, son moi sabrosos", engade Álvaro.

María Dolores tamén conta que "un tomate da para comer catro ou cinco persoas por ben que coman". O ano que vén, esta pequena familia afirma que sementará de novo na súa horta estes tomates.

Comentarios