viernes. 14.08.2020 |
El tiempo
viernes. 14.08.2020
El tiempo

De Vacas, Touriñán e Batallán actuarán na 51ª Festa do Carneiro ao Espeto

Presentación da 51 edición da Festa do Carneiro ao Espeto. CEDIDA
Presentación da 51 edición da Festa do Carneiro ao Espeto. CEDIDA
O día grande, o 26 de xullo, as racións de comida poderanse recoller desde as 13.30 horas

O Concello de Moraña vén de presentar a programación completa da 51ª Festa do Carneiro ao Espeto, que contará cun total de 22 actividades culturais, sociais, gastronómicas e deportivas baixo o formato de protocolo sanitario seguro durante as tres vindeiras semanas e na que destacan os espectáculos de De Vacas, Luis Emilio Batallán, Xosé Antonio Touriñán e Queimán e Pousa.

A alcaldesa, Luisa Piñeiro, acompañada dos concelleiros José Cela, Norma Caldas e María José García, presentou onte todas as iniciativas na rotonda da PO-226 xunto á mítica escultura de pedra do asado dos carneiros e amosou a súa satisfacción por "sacar adiante un programa tan completo nun ano tan complicado, pero que cremos que pode axudar a recuperar a nosa vida económica e social dun xeito seguro e a manter tanto a tradición do Carneiro ao Espeto como a súa importancia identitaria e promocional do noso concello".

A programación arrancará o venres 10, coa actuación de Rogelia dos Outeiros e, xa o sábado 11, chegará unha das grandes citas coa novena edición de Espétalle un Pincho, que este ano cambia de formato e comezará cun "showcooking" limitado a 30 persoas con inscrición previa na Carballeira de Santa Lucía da man do cociñeiro Miguel Mosteiro. Xa dende as 21.00 horas, no mesmo emprazamento, haberá degustación de petiscos a cargo dos establecementos A Adega, Casa Varela, O Congo, Vi Sports e O Xavique xunto ao propio chef.

Xa na seguinte semana, haberá xogos multiaventura e a actividade En busca do Carneiro perdido para a mocidade, teatro coa peza A Casa de Bernarda Alba e a novidosa Ruta dos Artistas, que se desenvolverá o sábado 18 dende as 11.00 horas na senda biosaudable de Portamós coa participación de vinte creadores locais.

A continuación, a programación continuará consecutivamente con concerto de acordeóns, o Mago Román, exhibición de pump-track, teatro infantil e cine na rúa para dar paso, xa o venres 24 nas vésperas da festa, á proxección do documental O segredo da Festa do Carneiro e o concerto de De Vacas na explanada anexa ao Multiusos. O sábado 25 haberá un espectáculo de Novo Circo e nesa noite os concertos de Píscore e de Luis Emilio Batallán.

O día grande da cita gastronómica espertarase co espectáculo de humor de Xosé Antonio Touriñán ás 12.30 horas, que como o resto esixirá da retirada de entrada gratuíta previamente na Casa da Cultura, antes da recollida dos lotes de carneiro ao espeto para xantar nos domicilios. Será dende as 13.30 horas e nesta ocasión muda o seu emprazamento habitual pola explanada anexa ao Multiusos para favorecer a seguridade sanitaria. A xornada rematará coa dobre actuación de Galifunk Brass e de Queimán e Pousa.

De Vacas, Touriñán e Batallán actuarán na 51ª Festa do Carneiro ao...
Comentarios