Valga aproba a liña de axudas para os sectores máis afectados pola pandemia

A cantidade de 18.000 euros súmase á prevista pola Deputación de 17.000 euros
Casa do Concello de Valga. FACEBOOK
photo_camera Casa do Concello de Valga. FACEBOOK

José María Bello Maneiro, alcalde de Valga, anunciou no Pleno a próxima aprobación dunha liña de axudas de 18.000 euros para os sectores máis afectados pola pandemia. O rexedor explicou que a tramitación está adiantada por parte do departamento municipal de Intervención. A cantidade que o Concello destinará a estas axudas será maior que a que ten prevista a Deputación para Valga (17.000 euros).

Na sesión ordinaria ratificouse, por unanimidade, o acordo da Xunta de Goberno polo que se aprobou o proxecto de mellora da rede de abastecemento nas parroquias de Campaña e Cordeiro e o investimento de máis de 183.000 euros por parte da Xunta e do Concello. Tamén saíron adiante, cos votos de todos os grupos, os convenios de colaboración entre os concellos de Valga e Moraña para poñer en marcha dous novos obradoiros de emprego dirixidos a un total de 36 parados: o obradoiro Ulla-Umia VI, coas especialidades de carpintería e forestais, e o Xóvenes II, cos módulos de canteiría e novas tecnoloxías. Os dous proxectos suman un orzamento de 716.000 euros, para os que se solicitará financiación á Xunta.

Tamén se aprobaron dúas mocións de urxencia presentadas polo grupo popular. Nunha delas solicítase á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra o incremento do financiamento para o Servizo de Axuda no Fogar. A moción indica que a axuda a domicilio está a ser "clave para moitos anciáns, persoas dependentes e as súas familias" durante a pandemia e que é o Concello o que está a asumir o sobrecusto deste servizo.

A segunda moción aprobada apoia as reivindicacións dos traballadores do Centro de Día, solicitando ao Servizo Galego de Igualdade e Benestar da Xunta a consolidación dos actuais contratos de traballo.

Outro dos puntos aprobados foi a delegación no ORAL da fase instrutora do procedemento sancionador das multas de tráfico e, por último, deuse conta ao Pleno do informe sobre a remisión do orzamento municipal de 2021 e dos informes sobre o cumprimento dos prazos de pago e da execución do presuposto relativos ao cuarto trimestre de 2020.

Comentarios