Valga fai un chamamento á veciñanza para que deposite o lixo correctamente

Segundo informa o Concello, estanse a detectar situacións que son contrarias ás boas prácticas e que supoñen unha eiva para a recollida de residuos
Lixo fora dos contedores. DP
photo_camera Lixo fora dos contedores. DP

O Concello fai un chamamento a todos os valgueses para que depositen correctamente o lixo nos diferentes colectores que teñen á súa disposición, de maneira que se garanta a eficiencia do sistema de recollida selectiva. Segundo indica o Goberno local, "ultimamente estanse a detectar situacións que son contrarias ás boas prácticas e que supoñen unha eiva para o funcionamento do sistema de recollida de residuos implantado no municipio". Por exemplo, indica, bolsas tiradas nos exteriores dos contedores tendo estes espazo ou caixas de cartón que quedan á intemperie. É por iso que o Goberno municipal pide aos veciños que depositen o lixo de forma correcta xa que, do contrario, están a prexudicar a aquelas persoas que si cumpren as recomendacións en normas de reciclaxe.

Así mesmo, o departamento de Medio Ambiente e Compostaxe incide, especialmente, en determinados aspectos. Por exemplo, "as caixas de cartón non poden quedar fóra dos colectores posto que este material, cando se ensucia ou se molla xa non pode reciclarse. O correcto é dobrar as caixas o máximo posible para que entren pola boca do colector e ocupen o menor espazo, deixando sitio para máis residuos", apunta.

"Algo similar sucede coa roupa -continúa-. Esta debe introducirse no colector correspondente dentro de bolsas que a protexan xa que, cando se mancha ou molla, xa non serve para reutilizar. Por iso é importante introducir as bolsas no contedor e non deixalas fóra, como se ten detectado en diferentes casos".

Por outra banda, no relativo aos envases lixeiros (como latas, briks ou botellas de plástico) "o axeitado é esmagalos para que ocupen o menor espazo e non saturar o contedor e introducilos en bolsas de pequeno tamaño que entren pola abertura superior do colector", explica o departamendo de Medio Ambiente e Compostaxe do Concello de Valga.

"As bolsas grandes non entran pola boca e a xente acaba deixándoas fóra o que provoca problemas de salubridade, xa que os animais e as condicións climáticas poden romper as bolsas e ciscar o lixo pola rúa", advirte. "Isto mesmo é aplicable ás bolsas do colector verde (fracción resto)", engade.

Ademais, o Goberno local remarca que é preciso incidir, por outra parte, que nestes contedores verdes non se deben botar restos de alimentos nin vexetais. Os residuos orgánicos deben, así, xestionarse mediante a compostaxe individual ou comunitaria, un servizo gratuíto que o Concello puxo en marcha para todos os veciños de Valga.

Comentarios