Valga inicia a montaxe do belén artesanal

A asociación Amigos do Belén xa está inmersa nas tarefas para recrear os acontecementos máis importantes do ano ► A pasada edición mantívose exposta ata este mes e durante o verán foi visitada por grupos chegados de toda España
Os membros da asociación Amigos do Belén realizando diversos traballos para a posta en marcha da nova edición do popular nacemento valgués. DP
photo_camera Os membros da asociación Amigos do Belén realizando diversos traballos para a posta en marcha da nova edición do popular nacemento valgués. DP

A nova edición do belén artesanal está en marcha. A asociación Amigos do Belén xa está mans á obra para remodelalo e volver a sorprender aos milleiros de visitantes que cada Nadal se achegan a Campaña para contemplar un nacemento único, declarado de Interese Turístico de Galicia.

O pasado xoves, día 13, foi a xornada na que se iniciaron os traballos, coa desmontaxe da composición anterior e retirada das figuras, edificacións e estruturas que formaron parte dela. Ese foi o punto de arranque e, nestes últimos días, os membros de Amigos do Belén xa teñen as mans e a mente postas nas escenas que formarán parte da nova edición do belén, que como é habitual fará un repaso polos acontecementos máis importantes de todo o ano a nivel local, nacional e internacional e en ámbitos tan dispares coma a política, a economía, os deportes e a vida social, entre outros.

Os membros da asociación Amigos do Belén realizando diversos traballos para a posta en marcha da nova edición do popular nacemento valgués. DP
Os membros da asociación Amigos do Belén realizando diversos traballos para a posta en marcha da nova edición do popular nacemento valgués. DP

A erupción do volcán Cumbre Vieja, a pandemia ou os Xogos Olímpicos, que vertebraron a última edición do belén, deixarán espazo a novos temas que coparon minutos de informativos, páxinas de xornais e revistas nos derradeiros meses. O proceso desenvólvese co equipo de traballo dividido en diferentes seccións. Mentres un grupo se centra en reparar mecanismos das pezas con movemento que están avariados e en arranxar figuras danadas, outros dan forma aos novos personaxes e deseñan a súa roupa e complementos coas novas máquinas de coser adquiridas coa última subvención da Axencia Turismo de Galicia. Outra parte do grupo está dedicado a crear novos edificios e construcións empregando materiais coma madeira ou pedra.

A medida que as novas pezas estean rematadas, dará comezo o proceso de montaxe, que se fará progresivamente para que o día 4 de decembro todo estea listo para a inauguración.

Ademais, nesta edición o belén estrea tamén nova composición exterior. A zona frontal do local foi acondicionada e redecorada a través do concurso Embelecer Valga, no que gañou o primeiro premio. Os traballos realizados polo colectivo Amigos do Belén, con materiais aportados polo Concello, incluíron a restauración do peche de madeira, limpeza e a decoración e ornamentación do espazo con plantas, flores e figuras feitas a man con materiais reciclados.

Aínda que o Nadal é a época por excelencia para visitalo, o Belén Artesanal en Movemento pode verse durante todo o ano. A pasada edición mantívose ata as primeiras semanas de outubro e durante o verán foron moitas as visitas de grupos e excursionistas que recibiu o nacemento, chegados dende Madrid, Toledo, Córdoba e outras moitas localidades de Galicia e de España. "Tivemos xente todos os meses, foi algo continuo", destaca a presidenta de Amigos do Belén, Mari Carmen Castiñeiras. A última visita, tivo lugar na primeira semana de outubro, por parte dun grupo procedente de Zaragoza.

Comentarios