miércoles. 03.03.2021 |
El tiempo
miércoles. 03.03.2021
El tiempo

Valga e Moraña inician a nova edición do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia

José María Bello, Luisa Piñeiro e José Cela posan ante o auditorio de Valga. CEDIDA
José María Bello, Luisa Piñeiro e José Cela posan ante o auditorio de Valga. CEDIDA
Vinte alumnos formaranse durante nove meses nas especialidades de forestais e carpintería

A delegada territorial da Xunta, Luisa Piñeiro, estivo este luns en Valga para asistir á inauguración do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia, que promoven conxuntamente os concellos de Valga e Moraña. O acto, que tivo lugar nas instalación do Auditorio Municipal, contou tamén coa participación dos alcaldes das dúas localidades, José María Bello Maneiro e José Cela, e do director do Obradoiro, Javier Saso. En representación do municipio anfitrión asistiron, ademais, as concelleiras Carmen Gómez, Begoña Piñeiro e Malena Isorna.

Nesta quinta edición do proxecto Ulla-Umia participan un total de vinte persoas desempregadas, dez veciños de Valga e outros tantos de Moraña. Durante os próximos nove meses recibirán formación nas especialidades de forestais e carpintería. As sesións teóricas desenvolveranse no Auditorio, onde ten fixada a súa sede o Obradoiro, e os aprendices tamén executarán traballos prácticos consistentes en obras de utilidade pública.

A representante autonómica, Luisa Piñeiro, animou aos alumnos-traballadores de Moraña e Valga a "aproveitar esta oportunidade grazas á quinta edición consecutiva deste obradoiro impulsado pola Xunta e desenvolver un bo labor de aprendizaxe para gañar coñecementos e experiencia e obter o certificado de profesionalidade, xa que elo contribuirá decisivamente a dispoñer de máis opcións laborais no regreso ao mercado de traballo cando finalice esta formación no outono de 2021".

No caso de Valga, as obras que está previsto executar no marco deste obradoiro son: dotación de mobiliario urbano como papeleiras e puntos de información, reparación e instalación de varandas e outros traballos con madeira no módulo de carpintería; e na especialidade de forestais, traballos de mellora en áreas coma o Camiño Portugués, o Miradoiro de Beiro e outros espazos verdes.

Ao rematar o período formativo, os participantes recibirán un certificado de profesionalidade que favorecerá a súa inserción no mercado laboral. "O mundo laboral está complicado pero, ao mesmo tempo, hai cada vez máis demanda de profesionais formados", remarcou o alcalde de Valga, que animou ao alumnado a aproveitar ao máximo a oportunidade que lles ofrece este Obradoiro de Emprego. "Ás probas presentáronse máis de 60 persoas e só 20 fostes seleccionados, polo que tendes tamén unha responsabilidade que cumprir", engadiu.

O rexedor agradeceu á Xunta de Galicia, e en concreto á Consellería de Emprego, a súa aposta por esta acción. "Sen a súa aportación económica", que ascende a 346.946 euros, "non sería posible".

Nesta comarca desenvolverase tamén unha terceira iniciativa baixo o formato dual que se presenta coa denominación Os Camiños do Camiño e que se inaugura este martes en Caldas de Reis. En total, serán tres obradoiros de emprego nesta zona cun investimento de 952.000€ e que formarán e mellorarán a empregabilidade de 51 persoas sen traballo.

En total, a Consellería de Emprego e Igualdade ten en marcha 22 obradoiros duais para o presente ano na provincia de Pontevedra, dos que oito están orientados a desempregados de ata 30 anos de idade, cun investimento global próximo aos 7,5 millóns de euros.

Ademais, o Consello da Xunta acaba de autorizar a convocatoria de axudas para a realización de obradoiros de emprego durante o período 2021-2022. A Xunta investirá máis de 30,2 millóns de euros na próxima quenda co obxectivo de que 1.500 persoas sen emprego amplíen a súa formación ao tempo que acceden a un contrato de traballo. A previsión da Administración autonómica é poñer en marcha, en colaboración cos concellos e as entidades sen ánimo de lucro do sector forestal, un total de 81 programas (62 obradoiros duais e 19 para mozos e mozas).

Valga e Moraña inician a nova edición do Obradoiro de Emprego...
Comentarios
ç