Valga pide axuda á veciñanza para acabar cos vertidos irregulares de lixo

O Concello detecta prácticas que impiden o funcionamento eficiente do sistema de recollida e lembra que o Punto Limpo é gratuíto para as persoas empadroadas
Escombros nas rúas valguesas xunto a contenedores de lixo. DP
photo_camera Escombros nas rúas valguesas xunto a contenedores de lixo. DP

A colaboración da veciñanza para que funcione axeitadamente a recollida selectiva de lixo é necesaria para que Valga sexa un pobo limpo. De aí que o Concello faga un chamamento aos veciños pedindo a súa contribución para que a imaxe do municipio non quede deslucida e ensuciada pola irresponsabilidade duns poucos.

Nos últimos tempos estanse a detectar, de forma reiterada, determinados comportamentos e accións que son contrarias ás boas prácticas e que supoñen unha eiva para o funcionamento eficiente do sistema de recollida de residuos. Lixo tirado fóra dos contedores, vertidos en zonas forestais ou incluso na propia rúa, residuos que se deixan ás portas do Punto Limpo, mala utilización dos distintos colectores...

Son accións que, ademais de ser contrarias á lei, causan importantes prexuízos medioambientais e económicos e deslocen o esforzo realizado pola meirande parte dos veciños que si cumpren as normas e separan correctamente o lixo para favorecer a súa reciclaxe.

Esta mesma semana apareceron tirados ás portas do Punto Limpo unha neveira e un colchón. Ademais, veciños da zona de Baño denunciaron ante o Concello un vertido de escombro e restos de mobles de madeira. A lei 7/2022 de Residuos e Solos contaminados para unha economía circular considera este tipo de prácticas coma unha infracción administrativa que pode levar aparelladas sancións a partir de 2.000 euros, chegando incluso a 600.000 se a falta se considera grave e se trata de substancias perigosas.

Estes residuos teñen que entregarse no Punto Limpo dentro do seu horario de apertura: os luns de 8.00 a 15.00 e os xoves de 14.00 a 21.00 horas. Os veciños empadroados en Valga poden facelo de xeito gratuíto, mentres que as persoas non empadroadas poden depositar escombro abonando a taxa correspondente (15 euros a tonelada se é escombro limpo ou 25 euros se está mesturado con outros residuos).

No Punto Limpo existen cámaras de vixilancia coas que, por exemplo, se puideron identificar ás persoas que abandonaron tanto a neveira coma o colchón nestes últimos días. Para tratar de rematar con estas prácticas incorrectas, técnicos municipais percorrerán as distintas parroquias para detectar este tipo de vertidos e concienciar á poboación sobre a importancia de cumprir as normas ambientais.

Comentarios