Valga promove a recuperación do Muíño do Xalleiro no lugar de Chenlo

O obxectivo da actuación é corrixir esa imaxe de abandono que ameaza a conservación deste ben e, ademais, afea a paisaxe da zona
O muíño que está sendo recuperado para a súa posta en valor. DP
photo_camera O muíño que está sendo recuperado para a súa posta en valor. DP

O Concello de Valga está a traballar a prol da recuperación dos elementos de interese patrimonial e cultural existentes no municipio con diferentes actuacións de posta en valor que están executándose nestes momentos por varios puntos da xeografía municipal valgunese.

Unha delas desenvólvese nas telleiras de Vilar (Cordeiro), onde os traballos que se están a executar deixaron de novo á vista os restos das estruturas destes exemplos de arquitectura tradicional vencellada á industria de produción de cerámica, ata hai unhas semanas ocultas pola maleza.

Tamén están en marcha as obras de recuperación do Muíño do Xalleiro, no lugar de Chenlo, unha antiga edificación de valor etnográfico situada ao pé do Camiño de Santiago e á beira do río Valga.

Na situación na que se atopaba, en estado semirruinoso e cuberto pola maleza e as árbores, o muíño pasaba ata o de agora completamente inadvertido para a multitude de peregrinos que transitan por esta Ruta Xacobea. O obxectivo da actuación que se está a executar é corrixir esa imaxe de abandono que ameaza a conservación deste ben e, ademais, afea a paisaxe da zona.

Os traballos comezaron pola limpeza do entorno e a eliminación da maleza e hedras que practicamente cubrían a edificación e céntranse agora no encintado dos muros de pedra. Tamén está prevista a colocación de pavimento en lousa de pedra, a instalación dunha nova cuberta de madeira de castaño e tella do país e a limpeza de todo o conxunto cunha hidrolimpadora para retirar os musgos e liques que se acumularon co paso do tempo.

Esta actuación está subvencionada pola Xunta a través da Axencia Turismo de Galicia e dunha liña de axudas para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago.

Comentarios