Valga repartirá nas festas 600 quilos de anguía e 350 litros de augardente

A festa regresa ao seu formato habitual con todas as actividades e degustacións dos produtos protagonistas: a anguía do Ulla e a augardente destilada ao xeito tradicional
Fiesta de la Anguila en Valga. Foto Archivo
photo_camera Fiesta de la Anguila en Valga. Foto Archivo

O Concello de Valga está ás portas dunha nova edición da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, unha celebración declarada de Interese Turístico de Galicia e que, despois de dous anos limitada pola pandemia, regresa ao seu formato habitual con todas as actividades e degustacións dos produtos protagonistas: a anguía do Ulla e a augardente destilada ao xeito tradicional.

Degustaranse uns 600 quilos de anguía, incluíndo os showcookings do 'Agosto Gastronómico' a IX Ruta-Concurso 'Tapa a Anguía' e a degustación do día 27 no Parque Irmáns Dios Mosquera. Alí estarán á venda por 1"50 euros un total de 1.400 tapas con seis receitas diferentes: catro elaboradas polos cociñeiros de Indo e Vindo Gastronomía e dúas que resultaron gañadoras dos concursos de 2020 e 2021. Trátase da tosta de anguía do Bar Pardal, que acadou o premio do xurado hai dous anos, e a hamburguesa de anguía de Pastelería Caprichos, que gañou o ano pasado.

En canto á augardente, os asistentes poderán adquirir diferentes cócteles elaborados con caña branca, de herbas e tostada por 1 euro cada un. Ademais, mantense no Centro de Interpretación da Caña a demostración de destilado tradicional a cargo de dous cañeiros de Valga, na que se farán dúas potadas de caña branca e de herbas e, a medianoite, haberá unha gran queimada popular gratuíta, con conxuro e espectáculo a cargo de Troula Animación. En total, uns 350 litros de augardente.

Comentarios