"A veciñanza de Caldas percibe todo o traballo que estamos a realizar"

Os resultados das eleccións municipais de maio do ano pasado trouxeron á vila termal un Goberno de coalición, co PSdeG-PSOE retendo a Alcaldía, grazas ao pacto acadado co BNG. Jacobo Pérez fai unha valoración moi positiva do labor desenvolto durante estes meses

Jacobo Pérez. CEDIDA
photo_camera Jacobo Pérez. CEDIDA

A aposta polos Servizos Sociais, o futuro centro para persoas maiores, a dotación e incremento de servizos básicos e a limpeza e posta a punto do rural e do núcleo urbano son algunhas das cuestións nas que pon o foco Jacobo Pérez, que neste mandato asume áreas como Economía e Facenda, Obras e Comercio. O voceiro do Goberno local salienta a coordinación que existe no Goberno de coalición e percibe unha valoración positiva da cidadanía ao traballo que se está a facer.

Cales están sendo as prioridades desde o inicio do mandato?
Estamos tratando de paliar a falta de capital humano, xa que dende as famosas taxas de reposición, este concello foi perdendo persoal ano a ano. Hai 12 anos no departamento de Obras contabamos con 12 persoas contratadas fixas todo o ano. Actualmente apenas son sete, case a metade. Desde o primeiro intre o obxectivo que nos marcamos foi sacar dúas prazas de promoción interna para operarios, quedando vacantes dous postos (conductor e peón), que demos cuberto coas bolsas de traballo existentes. Somos conscientes de que seguimos a ter un problema serio de persoal. En todo caso, penso que estamos a prestar servizos moi por riba dos recursos que temos.

E como se fai fronte a unha situación condicionada por esa falta de persoal?
Baixo ningún concepto contemplamos reducir os servizos para a veciñanza, polo que nos vemos na obriga de subcontratar. De feito, estamos a valorar a contratación dunha consultora que nos faga máis eficiente a recollida e tratamento de lixo, buscando sobretodo a liberación de persoal, para así obter un menor ratio de rúas por barrendeiro. A subcontratación é unha fórmula que non resulta inhabitual. Temos recibido moitas felicitacións ao respecto coas contratacións de limpeza de beirarrúas e mobiliario urbano coas que empezamos ao pouco de que comezase o actual mandato. Este ano xa se puxo en marcha o contrato das limpezas no rural, o que nos permitirá e axudar a mellorar a calidade de vida de toda a veciñanza.

Que outros aspectos destacaría destes meses?
Hai unha adaptación clara ás necesidades da xente, esa foi unha das premisas que nos marcamos en canto botou a andar o novo mandato. Agora mesmo estamos xa a traballar para ampliar e garantir a dotación e mellora de saneamento en lugares como a parroquia de Arcos da Condesa, Valsordo e Ameal, e en San Andrés na Requeixada. Estamos a falar dunha licitación que supera os 400.000 euros só para traída de augas. Tamén estamos a investir de maneira importante noutras actuacións como as obras en Volta da Pedra, na parroquia de Godos, no entronque da pista do lugar coa N-640, o arquetón en Barreiros, arranxo da pista en Calvelos… A través do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra investiremos outros 600.000 euros a maiores para saneamento nas zonas do rural de Caldas. Do mesmo xeito, estamos traballando en varias líneas de subvencións que nos darán algunha que outra alegría.

Que grandes actuacións contemplan poder facer realidade a curto ou medio prazo, á marxe da dotación de servizos?
Ademais de todo o que comentaba antes estamos facendo proxectos para ter máis posibilidades e celeridade de cara a posibles subvencións e nos permitirá facer unha mellor programación do que temos que facer durante o mandato. Todas estas xestións están en marcha, non son ideas que teñamos pensadas facer, o que fala da axilidade e capacidade de traballo que estamos a ter. E non hai que esquecer as xestións para que os nosos maiores conten cun novo local, máis amplo, que se fará realidade pronto e que dará resposta a unha débeda histórica. En moi pouco tempo contarán cunhas instalaciónes acordes para a celebración de actividades e que será un punto de encontro moi importante.

Aínda queda pendente a aprobación do Orzamento correspondente ao exercicio de 2024. Como responsable de Facenda, que pode adiantar sobre este documento?
Pódolle dicir que os Servizos Sociais terán moito protagonismo. Temos previsto incrementar en preto de 200.000 euros os fondos destinados para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Por supuesto, seguiremos investindo para axudar aos máis vulnerables. Estamos tamén moi comprometidos coa igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) continuará sendo un dos servizos protagonistas neste concello. Serán uns orzamentos cun marcado aceno social.

Máis alá da xestión nas áreas socialistas, como valora o funcionamento do Goberno de coalición co Bloque Nacionalista Gagelgo nestes primeiros meses de mandato?
Eu penso que se está a facer un bo traballo. Existe un labor conxunto que permite dar resposta ás necesidades da nosa veciñanza. Falamos de departamentos que contan con bastante independencia entre si, pero sempre hai unha coordinación entre nós. Levamos 45 anos gobernando e iso achega moita experiencia á hora de traballar na Administración local.

A oposición acúsaos de actuar como dous Gobernos separados.
Temos moi claro que, fagamos o que fagamos, recibiremos críticas. Vexo ao Partido Popular moi confundido, porque o que existe é un reparto de áreas entre nós e o BNG, coa súa correspondente xestión, pero coa coordinación da que antes falaba. En todo caso, máis aló das críticas que nos poida facer o PP, o que queremos é que o noso traballo chegue á cidadanía e penso que iso Jacobo Pérez. estase a cumprir.

Comentarios