A veciñanza de Caldas de Reis súmase a engalanar e iluminar as rúas polo Nadal

O II Concurso de Decoración de Nadal de xanelas, balcóns e fachadas repartirá premios para consumir en comercios e hostalería
Unha das vivendas que participan no II Concurso de Decoración de Nadal de Caldas. CEDIDA
photo_camera Unha das vivendas que participan no II Concurso de Decoración de Nadal de Caldas. CEDIDA

Caldas de Reis non só conta co alumeado especial de Nadal e numerosos motivos decorativos en diferentes rúas e espazos públicos da vila que a fan máis acolledora e atractiva e invitan a pasear pola vila para descubrir múltiples recunchos que sorprenden aos visitantes. Tamén a veciñanza decidiu facer a súa achega con decoracións especiais nas súas vivendas e nas distintas rúas con gran participación.

Como en anos anteriores os veciños e veciñas das rúas Fornos, Igrexa, Alhóndiga e Real foron as primeiras en avanzar nas súas decoracións. Posteriormente sumáronse tamén as rúas da Ferrería, Souto María Lopez, Tafona, San Roque e o Campo da Torre. E moitas outras prepararon os materiais para a súa colocación.

Son tamén moitas as iniciativas particulares e de comunidades de veciños que decoraron os seus portais, balcóns e xanelas. Neste sentido, a Asociación Amigos do Nadal e a Asociación da Hostalería coa colaboración do Concello teñen convocado o II Concurso de Decoración de Nadal de xanelas, balcóns e fachadas, con premios para consumir nos establecementos comerciais e hostaleiros de Caldas.

BELÉNS. Tamén son moitos os beléns que decoran moitos escaparates e espazos públicos de Caldas, sumándose á convocatoria da cuarta edición do concurso de beléns tradicionais nos escaparates do comercio local, organizado e patrocinado pola empresa Rogomóvil, coa colaboración da Asociación Amigos do Nadal e Caldas Centro Comercial Aberto.

O comercio local e a hostalería caldense tamén fan un esforzo de creatividade e decoración dos seus escaparates e establecementos convidando a visitar e a mercar en Caldas nestas festas de Nadal.

O alcalde, Juan Manuel Rey, felicita á veciñanza «pola súa implicación e polo seu gran esforzo e traballo en comunidade na animación e decoración das rúas, das vivendas e dos comercios e da hostalería en xeral. Co seu compromiso e colaboración conseguen que Caldas luza máis que nunca nestes días! Esta colaboración veciñal fala moi ben da nosa cidadanía».

Comentarios