O vicepresidente da Xunta visita a renovada Casa de Cultura de Valga

Concello e Goberno autonómico investiron 122.000 euros na mellora da eficiencia enerxética
Un momento da visita de Diego Calvo á Casa de Cultura de Valga. DP
photo_camera Un momento da visita de Diego Calvo á Casa de Cultura de Valga. DP

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en funcións, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitaron a Casa de Cultura de Valga para comprobar o resultado dos últimos investimentos do seu departamento en dito inmoble. O representante do Executivo galego foi recibido polo alcalde do municipio, José María Bello Maneiro, e os concelleiros Pedro Calvo e Carmen Gómez.

A Casa de Cultura Pontevalga foi obxecto dunha mellora en prol da eficiencia enerxética, actuación na que o Concello do municipio e a Xunta de Galicia investiron un total de 122.000 euros -105.000 euros por parte do Goberno autonómico-. Con esta partida financiáronse dous proxectos que supuxeron a renovación da carpintería exterior e da cuberta.

Os traballos permitiron mellorar o illamento e poñer fin ás filtracións de auga e humidades no inmoble, que conta con varias aulas polivalentes e unha zona de auditorio cun aforo para unhas cen persoas.

Na cuberta substituíronse as chapas metálicas do vello tellado por paneis de aceiro galvanizado, instaláronse canlóns e un novo illamento, unhas obras valoradas en 71.151,32 euros. No referido á carpintería exterior, colocáronse portas novas e fiestras con rotura de ponte térmica e dobre acristalamento, o que supuxo un investimento de 50.849,76 euros.

Ademais da mellora estética do inmoble, a renovación da carpintería de aluminio supuxo un reforzo do illamento. Isto permitiu acadar un maior confort en todas as estancias ao reducir a entrada de aire e as perdas de calor. Así mesmo, mellorouse a seguridade grazas aos sistemas de apertura e bloqueo reforzados dos novos elementos.

Con estas obras, tal e como apuntou Diego Calvo, conseguiuse paliar os problemas de humidades polas filtracións de auga, que "derivaron en perda de calor e mal funcionamento da calefacción, así como na imposibilidade de utilizar certos espazos obrigando mesmo a cancelar eventos programados". Ademais, coa mellora "evítase o deterioro deste edificio e garántese que preste un servizo cultural óptimo á cidadanía nos seus 700.000 metros cadrados".

Comentarios