Vivan as xeneralas da Ulla!

Un exército de sete nenas e un neno batallou este martes pola supervivencia do Entroido tradicional da Ulla e pola presenza das mulleres nel, nun atranque escolar para 400 alumnos en Cruces

As xeneralas, correo e centinela da localidade silledense de A Bandeira, ás portas do Auditorio Municipal de Vila de Cruces, antes de escenificar os seus atranques. PATRICIA FIGUEIRAS
photo_camera As xeneralas, correo e centinela da localidade silledense de A Bandeira, ás portas do Auditorio Municipal de Vila de Cruces, antes de escenificar os seus atranques. PATRICIA FIGUEIRAS

PRETO DE 25 lugares e parroquias no entorno do Ulla acolleron xa ou van acoller ó longo destas semanas altos ou atranques do Entroido dos Xenerais da Ulla. Serán nos concellos da Estrada, Boqueixón, Santiago, Touro, Teo, Silleda, Vedra e Vila de Cruces. Nos catro últimos haberá atranques infantís, con nenos e nenas de entre oito e doce anos, todo un exército con arredor de medio cento de xenerais e xeneralas con dúas loitas por bater: a dialéctica, mediante coplas creadas por eles, e a da supervivencia, a dunha tradición que esmoreceu nalgunhas aldeas pola falta dun relevo xeracional que agora parece querer apuntalarse.

Son parte da canteira dos arredor de 50 que farán atranques

E o que é máis, ó contrario do que acontece cos xenerais adultos, estase a dar unha ampla participación de nenas nestas seccións infantís. Un exemplo, as que son maioría no exército da Bandeira, en Silleda, conformado por sete mulleres e un home. Luísa, de correo; Silvia, de centinela; Carmen, Sabela, Elena e Lía, de xenerais, xunto con Samuel, tamén neste máximo rango, deron os Vivas! e o Alto! o martes nos atranques escolares que dende hai tres anos se celebran no Auditorio Municipal cruceño e que reuniron a preto de 400 escolares dos colexios de Piloño, Vila de Cruces, Merza e A Bandeira e do IES Marco do Camballón.

"Levo moito tempo esperando/ e aguantando o aire do Norte/ loitaremos por entrar en Bandeira/ coa vida e ata a morte/ e date a volta xeneral/ que ti non tes categoría/ que veña a do ano pasado/ que lle vai entrar a cagarría!". Isto, recitado por unha delas e coa entoación propia da zona (porque a cantinela é distinta en cada lugar), foron algúns dos versos que se escoitaron este martes, composicións creadas pola cativada. "Moitos deles mámano na casa, pero o noso cole leva dez anos traballando nisto, en intentar recuperar este Entroido", apunta un dos docentes do CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira.

Rescatar a tradición e renovarse. O próximo 10 de marzo, na Festa da Filloa de Lestedo, está previsto realizar unha preestrea do primeiro traxe específico de xenerala, obra da deseñadora e costureira Carmen Pichel. E todo isto merece un viva!, ou non?

Comentarios