Xoán Reices, candidato do BNG: "A xente pedía unha renovación e hai máis ilusión que desconfianza"

O nacionalista sinala coma un dos obxectivos acabar ca maioría absoluta do PP
Xoán Reices. DP
photo_camera Xoán Reices. DP

O BNG da Estrada optou por unha cara nova para encabezar a candidatura. Por que motivo?
Porque xa levaba moito tempo sendo máis ou menos a mesma xente, entón pensamos que unha das cousas máis importantes nun partido político e en calquera organismo é a renovación. E tamén a xente que leva moitos anos está máis queimada e a que vén de fóra ten máis ilusión, a inexperiencia pola ilusión.

Como pode isto afectar aos resultados?
Por unha banda sempre pode haber temor a que chegue alguén novo e sen experiencia, pero eu penso que no noso caso a xente pedía unha renovación, entón penso que hai máis ilusión que desconfianza.

De ser o caso, entraría nun goberno de coalición?
Esa é unha cuestión que é decisión da asemblea. Eu persoalmente penso que o primeiro obxectivo que deberiamos ter todos no concello da Estrada é acabar con esa maioría absoluta e co goberno do PP.

Que lle reprocha ao PP?
O principal é a falta de iniciativa seria, porque todas as cousas que fixo son obras sen ningún sentido, mal realizadas, sen aplicación práctica ou que se abandonan. Levamos un montón de anos de goberno do PP e o concello non mellorou en nada.

Que cre que é máis urxente actualmente na Estrada?
O máis urxente é non baixar dos 20.000 habitantes e ter por iso unha financiación moito menor. Este é un problema moi complexo. Se non tes solo público para as industrias, se non hai vivenda, se non hai políticas de apoio á xuventude, ás asociacións e por suposto ao rural, é moi difícil reverter todo isto.