Lola Ramos, activista social: "A xente recúa e sempre quedamos os catro matados"

Leva no sangue o virus da reivindicación social. Lola Ramos participou na posta en marcha do Ateneo de Caldas de Reis e estivo en primeira fila na loita contra a construción do encoro da Baxe. En Clesa, liderou o comité de empresa e a mobilización que fixo posible que siga en activo. Hoxe, non entende como un obreiro pode votar á dereita.

Lola Ramos, en la sede de UGT. DAVID FREIRE
photo_camera Lola Ramos, en la sede de UGT. DAVID FREIRE

FRONTE á resignación e o vitimismo, Lola Ramos pide reflexión e valentía, e advirte de que os problemas non se arranxan sós.

Que sensacións lle produciu ser homenaxeada polos seus compañeiros da UXT?

Resoltoume sorpresivo e tamén moi agradable.

A xente esqueceu a loita que protagonizaron os traballadores para impedir o peche de Clesa?

En Caldas non se esqueceu porque non deixa de ser unha das empresas que necesitabamos para que este concello viva. Evidentemente, non todos a recordamos da misma maneira. As persoas que estivemos en primeira liña vivimos moitas cousas que non imos esquecer nunca. Cando un non está comprometido e non se molla pode parecer que as cousas se arranxan soas. Todas as loitas teñen un traballo detrás.

Cando unha folga sirve para acadar uns beneficios, non renuncian a eles aqueles que non a apoiaron. Como o vive?

Iso é algo que sempre dixen eu porque estiven na negociación do convenio colectivo estatal, en Madrid. Recibes moitas críticas. Pero, claro, a xente non está aí. Acadáronse cousas, pero moitos non o recoñecen e critican por aquelas que non foches capaz de acadar. Ás veces non é tan fácil, e para ter éxito hai que ter moito apoio. A xente pensa que van vir soas, e sen loita é imposible. Empeza a recuar canto ten que arriscarse e quedan á fronte os ‘catro matados’ que, aínda por enriba, son vistos como parvos. Todo vai na calidade da persoa. Pero neste traballo hai unha satisfacción porque actúas en conciencia e vas para a casa sabendo que fixeches o que puideches, aínda que ás veces sufras moito. Nun sindicato é algo que temos asumido.

Vexo un pobo moi descoidado, sucio e bastante morto. É tristísimo o maltrato que sofren os seus ríos

A loita é una forxa de amizades?

Por suposto. As amizades que fas nunha loita, cando tes que poñer a cara por outro, esas non rematan nunca. Está clarísimo.

Por que a imaxe dos sindicados non é a mellor nestes momentos e abundan as mobilizaciós que deberían liderar e son promovidas por outros colectivos?

A frase feita de que ‘os sindicatos non fan nada’ é de aqueles que nunca se afiliaron, non fixeron nada e todo o que se gañou foi polo traballo doutros. Esa situación lévame a pensar o que está a acontecer neste país. A maioría non somos ricos, pero o obreiro vota á dereita. E moi difícil de explicar. A xente non analiza. Non vou negar que se cometeron erros, pero os sindicalistas traballamos sen cobrar nin estar liberados (como é o meu caso) para resolver problemas. O que nos move é o afán de xustiza e, quen non ten este espírito, o máis doado é que critique.

Os políticos deberían ser máis coherentes. Non se pode castigar laboralmente ás mulleres que quedan embazaradas

Un soldo non é unha garantía para formar un proxecto de vida. Esta situación fai máis difícil o traballo sindical?

Nun pobo tan pequeno, onde nos coñecemos todos, vexo xente en precario, cobrando 500 ou 600 euros, traballando cando a chaman as ETT, e están facendo campaña polo PP de Casado. Non é sinxelo entendelo, non o entendo. Esa xente non reacciona, e que pretende, que o faga Casado? Casado vai reaccionar por eles? Teñen que facelo eles. Penso que nos falta cultura en xeral e sindical en particular. Tamén razoar. Se un non ten a fortaleza para loitar debe apoiar a aqueles que o fan, en vez de criticalos.

Formou parte dos impulsores do Ateneo e está na Plataforma Antiencoro e no sindicalismo...

É innato. Cando unha ten unha sensibilidade social, ten que levar adiante os seus proxectos. Ninguén se fai loitador nin sindicalista, é preciso crer nelo. Se te metes sen conviccións eres outra cousa, igual que se o fas na política. Neste país está pasando. Hai moito profesional sen valores.

A presenza feminina como dirixente no mundo sindical está vencellada aos colectivos máis feminizados. Non é o seu caso porque en Clesa a maioría son homes. Tivo que escoitar algunha descualificación polo feito de ser muller?

Era a única muller cando se formou o comité e non me sentín diferente ao resto. Levaba tantos anos na empresa que todos nos coñeciamos, e tamén sabían do meu espírito reivindicativo. Fun a presidenta, os compañeiros actuaron como persoas. Non sufrín descualificacións machistas.

Cando un non está comprometido e non se molla pode parecer que as cousas se arranxan soas

Como valora o movemento feminista? Hai avances, pero vai máis lento do que quixera?

Penso que se avanza, pero que hai moitas lagoas. A maternidade segue a ser castigada. Os políticos deberían ser máis coherentes. Non se pode castigar laboralmente ás mulleres que quedan embazaradas. Os salarios son máis baixos nas empresas nas que a presenza é maioritariamente feminina. Non pode ser que o salario da muller sexa un complemento do que cobra o home. Esa visión hai que borrala. A presenza de mozas novas na loita imaxino que lle dá pulo ao optimismo. Teño 57 anos. Cousas que cando tiña 17 se vían como normais hoxe non o son. Aínda así, nese colectivo hai un acoso masculino que me parece terrible.

Como veciña de Caldas que viviu a súa profunda transformación, qué visión ten do seu pobo?

Vexo un pobo bastante morto, sucio, moi descoidado e sen unha planificación para o futuro. Todo se fai dunha forma moi espontánea, pensando nas eleccións. É tristísimo. O que fixeron cos ríos, o maltrato que sofren, é terrible.

Bota en falta a mobilización e a actividade de colectivos sociais?

Certo. Na miña xuventude traballamos e aí están os froitos, como a Escola de Música. En Cuntis hai ese revulsivo, pero aquí falta iniciativa e os dirixentes políticos tampouco a fomentan.

Comentarios